A Cámara de Comercio de Santiago amosa as instalacións e servizos do seu viveiro empresarial a unha nutrida delegación barbanzá encabezada polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste

Boiro_viveroOs emprendedores vencellados ao mar son os que “mellor aguantan” a crise na comarca, segundo afirmou o rexedor boirense

O titular cameral, Jesús Asorey, teimou na necesidade de apostar polo emprendemento como base do emprego

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, recibiu hoxe no viveiro de empresas de Costa Vella a unha delegación da Federación de Empresarios do Barbanza (FEB) e aos alcaldes de Boiro, Juan José Dieste, e Porto do Son, Luis Oujo. A esta visita asistiron o presidente da FEB, José Ramón Romero; e os seus homólogos da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, Manuel Tomé; da Asociación de Empresarios de Rianxo, Felipe Ordóñez; da Asociación de Empresarios de Mazaricos, Javier González; e da Asociación Boirense de Empresarios, Carlos Muñiz. Ademais, este encontró contou coa participación do director do Centro Integrado de Formación Profesional Coroso de Ribeira, José Antonio Rendo, e o seu secretario, Fernando Vázquez, que estiveron acompañados tamén polo secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros, a responsable do viveiro, Rosa Cardeso, e a encargada da Antena Local de Boiro, Sandra Becerra.

 

Os directivos camerais fixeron unha ampla exposición sobre os servizos de asesoramento empresarial e xurídico que o viveiro presta aos emprendedores e, posteriormente, amosaron polo miúdo as instalacións á delegación barbanzá, cuxa visita se prolongou durante máis de dúas horas. Segundo manifestou Jesús Asorey, a mellor política laboral é “apostar polo emprendemento como base do emprego” na actual de conxuntura de crise económica.

 

Juan José Dieste sinalou que o emprendemento no Concello de Boiro e no Barbanza sofre un amoderamento causado pola crise económica, pero aínda con sinais que marcan a diferenza como unha taxa de paro situada sobre un 10-13%, dependendo da estacionalidade do emprego conserveiro. “Os emprendedores barbanzás aguantan ben a crise, sobre todo os asociados ao mar, e en menor medida os sectores servizos e da construción” –explicou–. Dieste advertiu que a maior debilidade do emprendemento no Barbanza é a escasa diversificación de sectores.

José Ramón Romero destacou a necesidade de poñer en marcha os dous viveiros de empresas da comarca, a incubadora empresarial de Porto do Son e a de Boiro con apoios educativos, empresariais e administrativos. “A comarca do Barbanza non pasa polo seu mellor momento e temos que tirar do emprendemento” –indicou Romero–.

Pola súa parte, o alcalde de Porto do Son incidiu na obriga de aproveitar as sinerxias das dúas incubadoras empresarias da comarca, complementando as súas funcións para chegar a un público obxectivo amplo.

A incubadora alberga na actualidade a quince empresas

O viveiro de empresas de Costa Vella, dirixido polo Departamento de Creación de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, acolle na actualidade 15 empresas con ubicación física, ocupando 10 dos 24 módulos dispoñibles e pechando o ano cun nivel de ocupación do 41,6%, ademais de 18 firmas que reciben servizos do viveiro virtual. En 2012 incorporáronse oito novas empresas.

Desde a creación desta incubadora empresarial en 2006 pasaron polo viveiro un total de 93 empresas, das que 66 abandonaron o viveiro para continuar coa súa actividade empresarial. Estas cifras mostran o correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento. A incubadora empresarial de Costa Vella presenta unha taxa de supervivencia do 78%.

Preto de 4.000 estudantes participaron nas xornadas de fomento do espírito emprendedor no último ano

Por outra parte, a Cámara de Comercio de Santiago desenvolveu en 2012 unha serie de xornadas de fomento do espírito emprendedor no ámbito educativo para escolares de Santiago de Compostela e a súa comarca. Estas xornadas organizáronse coa colaboración do Fondo Social Europeo e o Ministerio de Educación, dentro do programa de Xornadas de Fomento do Espírito Emprendedor na Escola, e en casos concretos contouse coa participación do Programa Santiago Investors Support 2012 do Concello de Santiago.

Celebráronse 40 visitas guiadas ao viveiro de empresas de Costa Vella e 37 charlas divulgativas a centros escolares da demarcación cameral. Nestas actividades participaron case 4.000 alumnos. Jesús Asorey destacou estes resultados que superaron nun 70% a participación do alumnado de 2011. “Para avanzar no emprego, igualdade, crecemento, competitividade e innovación resulta indispensable fomentar o espíritu emprendedor entre os máis novos” –apuntou Asorey–

As visitas guiadas ao viveiro de empresas permiten ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento da incubadora empresarial e os servizos que o Departamento de Creación de Empresas presta aos emprendedores e empresarios da demarcación cameral. Para pechar estas visitas, os alumnos asisten a unha charla sobre a experiencia profesional e vital dalgún emprendedor ubicado no viveiro de Costa Vella. Ademais, o Departamento de Creación de Empresas cameral programa unha xornadas divulgativas nos centros escolares para orientar e sensibilizar aos alumnos sobre o espírito emprendedor.