O comité organizador da reunión anual da Sociedad Nuclear Española, que se celebrará en Santiago o próximo outubro, reuniuse hoxe coa Cámara de Comercio de Santiago

Presentaron as liñas de traballo da sociedade e propuxeron unha posible colaboración coa entidade cameral

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela mantivo esta tarde un encontro institucional co comité organizador da 36ª Reunión Anual da Sociedad Nuclear Española (SNE). Na reunión estiveron presentes o presidente Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, a secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal; o presidente do comité organizador, Pedro Ortega; o director técnico do Foro de la Industria Nuclear Española, Antonio González; ademais do secretario xeral da SNE, José Luis Elviro.
Na visita, os membros do comité presentaron as liñas de traballo da SNE, ademais de propoñer unha posible colaboración coa Cámara de Comercio para a cita do mes de outubro. Neste mes (6-8 de outubro) celebrarase a 36ª Reunión Anual da SNE no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago). Este congreso, de carácter estatal e internacional, contará coa participación de máis de 500 expertos, profesionais, investigadores, profesores e autoridades relacionados coa enerxía nuclear. Os seus asistentes, tanto españois como internacionais –chegados de Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, EEUU, China e Xapón– serán fundamentalmente científicos, enxeñeiros, técnicos, médicos, avogados, economistas, autoridades das administracións central, autonómica e local, altos directivos e xornalistas especializados.

A Reunión Anual terá unha duranción de tres días, de mércores a venres, que se prolongará ata o sábado con actividades culturais e deportivas. O eixo central da reunión é un intenso programa técnico, complementado coa participación colectiva dos asistentes en actos sociais e culturais en lugares emblemáticos da cidade. O programa técnico consta dunha sesión inaugural e unha de clausura. Dentro do  programa incluiranse dúas sesións plenarias e varias monográficas, dedicadas a temas enerxéticos ou con influencia no campo enerxético da máxima actualidade e relevancia. Este ano, as sesións  plenarias versarán sobre o “Almacén Temporal Centralizado (ATC)” e sobre “Enerxía e vehículo eléctrico”. O núcleo do programa son as sesións técnicas e cursos sobre materias específicas. O número de relatorios técnicos variará entre 250 e 300.

Orixes da sociedade

A SNE constituíuse en 1974 como unha asociación sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade Pública en 1996. Agrupa aos profesionais do sector nuclear e un dos seus obxectivos fundamentais é a divulgación e o avance da ciencia e tecnoloxía nuclear. A SNE conta na actualidade con máis de 1.000 socios individuais e colectivos. É socio fundador da Sociedad Nuclear Europea (ENS) e mantén acordos de cooperación coa Sociedad Nuclear Americana (ANS).