A Comisión de Innovación do Consello Superior de Cámaras celebrou unha reunión na Cámara compostelá coa representación de trece entidades

Comisin_Innovacin_
Na xuntanza estiveron presentes directivos de cámaras españolas e das Cámara de Comercio de A Coruña, Vigo, Ferrol e Vilagarcía

Os asistentes valoraron a Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación como unha iniciativa centrada case exclusivamente no sistema público


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela acolleu hoxe unha reunión da Comisión de Innovación do Consello Superior de Cámaras, presidida por José García Costas, titular da Cámara de Vigo. Á cita acudiron trece representantes de cámaras españolas e galegas, como a Cámara de Comercio de Mallorca, Alicante, Castellón, Madrid, Bilbao, Gijón e Jaén, ademais das Cámara de A Coruña, Vigo, Ferrol e Vilagarcía, entre outras. A Comisión de Innovación celebra xuntanzas con carácter itinerante cos seguintes obxectivos: fomentar os intercambios cara a consolidar a rede cameral, coñecer especificidades do territorio español e intensificar estratexias de desenvolvemento rexional ao servizo da competitividade, entre outros.

Na xuntanza, a novena reunión da Comisión de Innovación, tratáronse diversos temas realcionados con accións de formación en materia de innovación para o persoal das Cámaras. “Son accións formativas encamiñadas á creación dunha rede de técnicos de innovación co coñecemento e o soporte técnico necesario para trasladar correctamente información e asesoramento en innovación ás empresas” –destacou o xerente da Cámara de Vigo, José Manuel García. De seguido, os asistentes fixeron unha análise exhaustiva da última xornada sobre innovación e propiedade industrial do pasado 4 de abril. A continuación, comentaron a organización de actos de formación sobre a propiedade industial realizados en colaboración coa Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM) e as Cámaras interesadas.

Ademais, os directivos camerais avaliaron as novas actuacións do Programa InnoCámaras e a Feira do Coñecemento. Realizaron unha revisión tamén sobre o Estudo sobre a eficiencia do sistema español de I+D+i, elaborado pola Cámara de Comercio de Madrid, e o antreproxecto da Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. “Trátase dun proxecto que se centra case exclusivamente no sistema público, esquecendo o sector privado; centra gran parte do seu texto na regulación da carreira investigadora do sector público” –indicou José Manuel García.

Peregrinación e misa do peregrino

Pola tarde, os representantes camerais realizaron unha peregrinación desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, coa posibilidade de asistir á misa do peregrino das 19:30 horas na catedral compostelá. Mañá, martes-27, a Comisión visitará as instalacións de FEUGA (Fundación Empresa Universidad Galicia), onde será recibida polo seu director, Francisco Javier Pereiro.