O pleno da Cámara de Comercio aproba a presentación dun proxecto de deseño para a industria agroalimentaria de Galicia, Asturias e Castela e León

O viveiro empresarial de Costa Vella conta con dezaséis empresas con ubicación física e trece no viveiro virtual

agroalimentarioO pleno da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela aprobou onte luns, 12 de abril, a presentación dun proxecto de deseño na industria agoalimentaria, en colaboración coa Cámara de Comercio de Oviedo e Salamanca. Trátase dun programa de Innoempresas suprarrexional dirixido a introducir de forma axeitada o deseño nas empresas agroalimentarias, como ferramenta para mellorar o seu posicionamento e competitividade. En total poderán participar 15 pequenas e medianas empresas (pemes) de Galicia, Asturias e Castela e León.
O sector agroalimentario industrial conta con pemes que basean a súa estratexia na elaboración de productos de calidade, pero precisan outras estratexias para competir no mercado, como o envase ou o embalaxe.

Os obxectivos deste proxecto son incorporar o deseño como ferramenta estratéxica na empresa, axudar ao empresariado a adaptarse ás novas esixencias do mercado  e vincular o deseño dos envases e embalaxes con elementos como a comunicación, a conservación do produto, seguridade, ergonomía, medio ambiente ou loxística.

Para levar a cabo o proxecto farase unha análise interna e externa das empresas participantes, a elaboración dos deseños cun profesional do deseño asignado a cada empresa para esta labor de axuda e orientación. Unha vez alcanzado o deseño ideal, os participantes deberán avaliar os primeiros resultados.

Finalmente, o pleno aprobou as contas anuais do exercicio 2009 e as liquidacións de presuposto ordinario e un extraordinario da Cámara de Comercio, ademais de presentar un informe favorable realizado por unha auditoría externa.

Ocupación actual do viveiro de empresas de Costa Vella


Pola súa parte, o comité da Cámara, celebrado durante a tarde de onte, aprobou as propostas da comisión de seguemento do viveiro de empresas de Costa Vella. O nivel de ocupación da incubadora empresarial na actualidade sitúase nun total de 16 empresas con ubicación física (empresas en fase de proxecto e xa constituídas) cunha xeración de emprego de 30 postos de traballo. No viveiro virtual están ubicadas 13 empresas.

En concreto, neste mes de abril entraron a formar parte do viveiro dúas empresas en fase de proxecto: Interempresas Santiago S.L. (intermediación inmobiliaria) e Future Solar Térmica (venta e instalación de enerxía solar térmica para auga quente sanitaria). Estas dúas firmas disporán dun prazo de tres meses para a elaboración do proxecto empresarial e constitución da empresa. Con ubicación física aprobouse favorablemente a entrada de Solvento Servicios, S.L. (servizos de instalación e mantemento no sector das enerxías renovables) e pasará a formar parte do viveiro virtual Komoenksa (servizos de intermediación en aluguer de pisos).