A Comisión de Industria do Consello Superior de Cámaras celebrou unha reunión na Cámara compostelá coa representación de máis de quince entidades

Na xuntanza estiveron presentes directivos de cámaras españolas e das Cámara de Comercio de A Coruña, Vigo e Ferrol

O presidente da Comisión, Horaci Simó i Burgués, espera que a Lei de Economía Sostible sirva para incentivar o consumo e crear empregos nas pequenas e medianas empresas


Comisin_IndustriaA Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela acolleu hoxe unha reunión da Comisión de Industria e Enerxía do Consello Superior de Cámaras, presidida por Horaci Simó i Burgués, titular da Cámara de Lleida. Á cita acudiron uns quince representantes de cámaras españolas e galegas, entre elas a Cámara de Comercio de Barcelona, Mallorca, Sabadell, Lleida, Tarragona, Zaragoza, o Consejo Regional de Cámaras de Comercio de Cataluña e as Cámaras de Comercio de A Coruña, Vigo e Ferrrol. A Comisión de Industria e Enerxía celebra xuntanzas con carácter itinerante cos seguintes obxectivos: fomentar os intercambios cara a consolidar a rede cameral, coñecer especificidades do territorio español e intensificar estratexias de desenvolvemento rexional ao servizo da competitividade, entre outros.
Na xuntanza realizouse un balance da lexislatura 2006-2010, a través do repaso a diversos temas tratados e actividades desenvolvidas. Os participantes aportaron as súas observacións e porpostas ao Anteproxecto de Lei de Economía Sostible do Goberno de España. Simó i Burgués apuntou que se trata dunha lei “de la que se habla mucho, pero no se llega a ningún acuerdo”. Tamén manifestou que se trata dunha normativa que ten boas intencións e que pode servir para dar confianza ao ciudadano e aumentar o consumo, ademais de axudar a crear postos de traballo nas pequenas e medianas empresas (pemes).

Simó i Burgués destacou a fortaleza do emprego en Galicia grazas ao mantemento do sector turístico e da industria pesqueira. Pero o directivo ilerdense puxo de manifesto a debilidade do sector textil, en Galicia e no resto de España, debido á competencia dos mercados asiáticos da India e China. Noutros sectores como a automoción e a construción que se benefician de axudas do Goberno central, Simó i Burgués sinalou que son só solucións temporais que poden activar o consumo no intervalo de vixencia de ditas subvencións.

Por outro lado, os directivos camerais realizaron unha análise da situación, conxuntura económica e resultados do Indicador de Confianza Empresarial (ICE) que leva a cabo cada trimestre o Consello Superior de Cámaras. De seguido, os representantes das diversas cámaras comentaron os avances do estudo de diversificación sectorial para a industria auxiliar de automoción. Tamén, os participantes avaliaron a situación actual da enerxía nuclear en España e a proposta do Goberno central para crear un novo Almacén Temporal Centralizado (ATC). Finalmente, procedeuse a comentar o resumo das actuacións da Comisión de Industria.

A Comisión de Industria continúa mañá cos actos programados. Os representantes camerais visitarán a empresa compostelá URO, Vehículos Especiales (UROVESA), a partir das 8:30 horas.