A Cámara de Comercio de Santiago programa cinco accións de internacionalización para o segundo trimestre do ano

Realizaranse tres misións comerciais a Exipto e Siria, Perú e Ecuador e Dubai e Qatar, ademais de dous encontros empresariais

Exipto_El_CairoA Cámara de Comercio de Santiago de Compostela presenta o calendario de misións comerciais, asistencia a feiras, accións de turismo e encontros empresariais para o próximo trimestre (abril-xuño). En concreto, son cinco accións de internacionalización, tres misións comerciais e dous encontros empresariais. Estas accións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), e dentro do marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA).
A primeira acción desenvolverase entre o 17 e o 23 de abril. Trátase dunha misión comercial a Exipto e Siria dirixida a empresas exportadoras e potencialmente exportadoras de bens e servizos. De seguido, do 19 ao 26 de abril, a entidade cameral participará na feira do Libro de Bos Aires, unha acción sectorial dirixida a empresas do sector editorial e artes gráficas.

Para o mes de maio a Cámara compostelá ten programadas dúas misións comerciais. A primeira centrarase no mercado de Perú e Ecuador, a onde viaxarán varias empresas galegas exportadoras e pontecialmente exportadoras de bens e servizos, entre o 9 e 15 de maio. Para finais de mes está programada outra misión comercial, neste caso a Dubai e Qatar, entre os días 29 de maio e 4 de xuño, dirixida a empresas exportadoras de bens e servizos. No mes de xuño (28-30 de xuño) celebrarase un encontro empresarial con Axencias de Compras e Organismos Multilaterais en Xenebra, ata onde viaxará a Cámara de Comercio.

As empresas interesadas en recibir máis información sobre estas accións ou inscribirse deben facelo a través do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago (Tel: 981 59 68 00; Fax: 981 59 03 22; e mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).

Nun contexto económico mundial cada vez máis tecnolóxico, aberto e globalizado, a promoción internacional das empresas, a cooperación internacional tanto empresarial como institucional e a atracción de investir no exterior son tres eixos de máxima importancia para o desenvolvemento estratéxico do tecido produtivo e un elemento clave da súa dinamización e competitividade. Así, a Cámara de Comercio de Santiago pon a disposición das empresas o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), en vigor desde 1992. Trátase dun instrumento que ofreceu resultados moi positivos nestes últimos anos na diversificación sectorial e xeográfica das exportacións galegas. O obxectivo da Cámara de Comercio é orientar con eficacia ás empresas e facilitarles a entrada noutros mercados, ofrecendo apoio loxístico nas acción exportadoras.