A Cámara de Comercio de Santiago acolle a semana próxima unha reunión da Comisión de Industria do Consejo Superior de Cámaras

Central_de_GaroaA visita contará cunha ampla presenza de Cámaras españolas, ademais das entidades camerais galegas

Entre os diversos temas a tratar, os asistentes avaliarán a situación actual do sector nuclear en España


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela acolle a vindeira semana (xoves-8 e venres-9 de abril) unha reunión da Comisión de Industria y Energía do Consejo Superior de Cámaras de Comercio, Industria y Navegación de España.
Esta reunión estará presidida polo presidente da Cámara de Comercio de Lleida e presidente da Comisión de Industria y Energía do Consejo Superior, Horaci Simó i Burgués. Á cita acudirán representantes das Cámaras españolas (Cámara de Comercio de Barcelona, Mallorca, Sabadell, Lleida, Tarragona, Zaragoza, entre outras), do Consejo Regional de Cámaras de Comercio de Cataluña e as Cámaras galegas.

A Comisión de Industria y Energía reuniuse ao logo de 2009 en tres ocasións (en Valencia, Zaragoza e Santander), nunha serie de reunións de carácter itinerante por obxectivos moi claros: fomentar os intercambios entre membros e o coñecemento mutuo e consolidar de maneira real a rede cameral, ademais de coñecer especificidades do territorio español, estratexias de desenvolvemento rexional que as diversas comunidades autónomas están aplicando, planificando e especializando a súa estrutura empresarial para poder gañar en competitividade.

Programa da reunión e visita en Compostela

O programa da reunión en Santiago comezará o xoves cunha peregrinación do grupo asistente desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, onde poderán escoitar a Misa do Peregrino ás 12.00 horas. Pola tarde, celebrarase a reunión da Comisión de Industria na sede da Cámara compostelá (16.30- 19.00 horas). Nesta xuntanza realizarase un balance da lexislatura, a través do repaso a diversos temas tratados e actividades desenvoltas. Os participantes aportarán as súas observacións e porpostas ao Anteproxecto de Lei de Economía Sostible. Ademais, os asistentes realizarán unha análise da situación, coxuntura económica e resultados do Indicador de Confianza Empresarial (ICE) que leva a cabo cada trimestre o Consejo Superior de Cámaras.

Por outro lado, os representantes das diversas cámaras comentarán o estado de situación do estudo de diversificación sectorial para a industria auxiliar de automoción. Tamén, os participantes avaliarán a situación actual do sector nuclear en España e a proposta do Goberno central para crear un novo Almacén Temporal Centralizado (ATC). Finalmente, procederase a ver o resumo das actuacións da Comisión de Industria. Durante a xornada do venres-9 de abril esta reunión cameral contará coa visita de dúas empresas punteiras da demarcación cameral de Santiago.

Segundo manifesta a Comisión de Industria, as reunións itinerantes permiten analizar e debater os seus temas vertebradores:

1.    O futuro da enerxía: é preciso definir o modelo enerxético español do século XXI. Neste punto, a Comisión, en colaboración co Consejo Superior de Cámaras, está realizando un estudo sobre o mix enerxético español e o seu horizonte no 2050.

2.    A eficiencia enerxética: as empresas precisan ser eficientes en materia enerxética como estratexia para a mellora da competitividade industrial, e neste campo desde a Comisión desenvolven o Programa Cameral de Eficiencia Enerxética (a partir do programa CHANGE no que están a participar nove cámaras españolas).

3.    O Futuro da enerxía nuclear: as empresas necesitan unha enerxía barata, limpa e que cumpra cos compromisos adquiridos a nivel internacional polo Estado. Desde a Comisión visitouse a Central Nuclear de Vandellós II e acordouse a necesidade de impulsar un debate nacional sobre o desenvolvemento da enerxía nuclear. Ademais apoia a continuidade da vida operativa da Central Nuclear de Garoña (Burgos) que recibiu un dictamen favorable do Consejo de Seguridad Nuclear ata o 2019. O peche desta central suporía un  incremento do número de parados (maís de 1.000 empregos directos) e efectos moi directos sobre laaeconomía da provincia de Burgos en plena crise económica. Por outro lado, a Comisión explica que España non pode continuar cunha dependencia enerxética do exterior de máis do 80% da enerxía primaria consumida, e precisa definir un mix enerxético de xeración para competir nos próximos 40 anos, onde conviva a enerxía nuclear co resto de enerxías renovables.