A Cámara de Comercio de Santiago construirá un novo viveiro empresarial, tecnolóxico e de oficios, nun período de dous anos

O proxecto financiarase con fondos FEDER xestionados a través da Fundación INCYDE, que aportarán un 70% do investimento total

A nova nave, de 100-140 m2 de superficie, situarase na parte posterior da parcela de Costa Vella


nuevo_viveroA Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e a Fundación INCYDE (Instituto Cameral de Creación y desarrollo de la Empresa) asinaron esta mañá un convenio para a construción do novo viveiro industrial de empresas, centrado na tecnoloxía e os oficios, que se situará na parte posterior da mesma parcela onde está ubicada a incubadora actual (Polígono de Costa Vella. República Checa, 40, parcela nº 68). O acto estivo presidido polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director xeral da Fundación INCYDE, Ángel Colomina. Ademais, asistiron o director financeiro da Fundación INCYDE, Juan Cabrera; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal; e o seu adxunto, Fernando Barros.

Asorey manifestou que este convenio é unha actuación importante para a Cámara compostelá e para os emprendedores de Santiago e a súa comarca. “O formato será de nave pequena para oficios, industrias e i+D, de entre 100-140 m2 de superficie mínima ou mesmo algo maior; será un viveiro para fontaneiros, electricistas ou carpinteiros” –explicou o presidente da Cámara. Permitirá que os novos emprendedores empecen o seu oficio como autónomos con varios de traballadores ao seu cargo. Para poñer en marcha esta nova aventura viveirista, os representantes da Cámara de Comercio visitaron diversos viveiros de empresas de diferentes puntos de España.

A través da Fundación INCYDE, creada polas Cámaras de Comercio para fomertar a iniciativa empresarial, a entidade cameral compostelá participa, dentro do Fondo Europeo de Desarrollo de las Regiones (FEDER) de Galicia, no programa 2007-2013 para creación de viveiros de empresas mediante o financiamento de fondos FEDER do 70% total do investimento. Ademais, a Cámara xa está negociando con diversas institucións públicas e privadas un complemento de financiación, que completará tamén cunha inversión propia a través dun orzamento extraordinario. Este proxecto deberá executarse nun período máximo de dous anos.

Encontro nacional de viveiristas

Pola súa parte, Ángel Colomina destacou o labor da Cámara compostelá para poñer en marcha este proxecto nun momento actual de crise económica. Ademais, Colomina destacou que a Fundación INCYDE inaugurou este mes en Palazuelos (Guadalajara) un total de 88  viveiros, creando a maior rede europea de viveiros empresariais. En relación a esta nova construción en Costa Vella, Colomina apuntou que se trata dunha estrutura que servirá de “foco de dinamización e riqueza para a comarca”.

Ademais, o director do INCYDE anunciou que os días 18 e 19 de outubro, dentro do Ano Santo Xacobeo, celebrarase un encontro nacional de viveiristas, onde se reunirán máis de 1.600 empresas  para compartir experiencias de emprendemento a través dunha combinación de diversas actividades.

Obxectivos do novo viveiro

Un dos obxectivos estratéxicos deste novo viveiro é incentivar a iniciativa empresarial para así xerar riqueza e emprego, para mellorar o panorama socioeconómico da área cameral. Para alcanzar esta meta é preciso crear unha rede de viveiros de empresas, para garantizar a creación empresarial con ubicación física garantizada, un completo proceso de formación e titorización de emprendedores ata a súa implantación definitiva no mercado laboral.

Con esta finalidade, a Cámara compostelá promove un novo viveiro de empresas para reducir a elevada taxa de mortalidade empresarial. Será un viveiro de empresas que aposte pola ciencia e a innovación para saír da crise e afrontar o cambio de modelo económico e facer fronte á dura competencia dos mercados. Pero ademais, a Cámara ve necesario rescatar algunhas profesións esquecidas pola sociedade, os oficios, que sucumbiron a unha economía próspera e capitalista anos atrás e que agora volve reclamar o novo escenario económico. Con esta combinación de liñas de emprendemento, o novo viveiro de empresas atenderá as demandas que existan no territorio, converténdose en fonte xeradora de emprego e mobilidade da economía.