A Cámara de Comercio organiza tres misións comerciais e dúas visitas a feiras dentro do seu programa de internacionalización para os próximos meses
- Detalles
- Categoría: Cámara Santiago
- Published: Martes, 09 Marzo 2010 16:42
- Escrito por Eva
- Visitas: 838
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza para os próximos meses varias accións de internacionalización, onde destacan tres misións comerciais e dúas visitas a feiras. Estas accións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), e dentro do marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA).
A primeira acción desenvolverase desde hoxe e ata o 12 de marzo en Berlín. Trátase da Feira ITB da capital alemana, un encontro de empresas do sector do turismo que combina exposición comercial, exposición pública, convertendo a cita na maior convención de profesionais de todo o mundo que atrae a miles de visitantes e expositores. A esta feira, das máis importantes do mundo e a mellor de Europa, acudiu hoxe o técnico de promoción internacional da Cámara compostelá, Fernando Pérez Soba. A outra feira que contará con presenza da Cámara de Santiago será a do Libro de Bos Aires que se celebrará entre o 19 e o 25 de abril. É unha acción sectorial dirixida a empresas do sector editorial e artes gráficas.
Misións comerciais
A Cámara de Comercio compostelá organiza tamén tres misións comerciais plurisectoriais onde se manterán entrevistas con empresas de cada país que se visite. A primeira delas será a Exipto e Siria, entre o 17 e o 23 de abril e dirixida a empresas exportadoras e potencialmente exportadoras de bens e servizos. A segunda misión terá lugar entre o 9-15 de maio en Perú e Ecuador para emrpesas exportadoras e pontecialmente exportadoras de bens e servizos. A derradeira acción de comercio exterior celebrarase entre o 29 de maio e o 4 de xuño nos Emiratos Árabes Unidos e Quatar, dirixida a empresas exportadoras e potencialmente exportadoras de bens e servizos.
As empresas interesadas en recibir máis información sobre estas accións ou inscribirse deben facelo a través do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago (Tel: 981 59 68 00; Fax: 981 59 03 22; e mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).