O candidato do BNG á alcaldía de Santiago, Rubén Cela, ofrece o seu apoio á Cámara de Comercio como institución

bngAsí o manifestou esta mañá nunha reunión con representantes camerais

Un grupo de representantes da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, encabezados polo seu presidente, Jesús Asorey, recibiron esta mañá no salón de actos cameral ao candidato á alcaldía de Santiago polo BNG, Rubén Cela.
No transcurso da reunión, previa ás eleccións municipais, Cela amosou a súa preocupación pola situación actual que atravesan as Cámaras de Comercio, derivada da supresión das cotas camerais, e manifestou o seu apoio para traballar conxuntamente no futuro da institución. “O viveiro da Cámara de Comercio de Santiago realiza unha importante función desde un punto de vista social” –apuntou Cela.

Asorey destacou a importancia do papel das Cámaras de Comercio en cuestións de formación, internacionalización e emprendemento. “No futuro, as cámaras teremos que aunar servizos e crear un novo modelo de funcionamento. A Cámara de Comercio de Santiago pode traballar conxuntamente co Concello en proxectos de promoción económica, como fixemos recentemente cos voos de baixo custo” –explicou Asorey.

Outra das cuestións que se debateron na reunión foi a situación económica da cidade, onde Cela apostou por fortalecer o tecido industrial, asentando o solo industrial e mellorando as súas infraestruturas, sen esquecer o papel fundamental do turismo compostelán, que representa do 25% do PIB local. Ademais, comentáronse cuestións importantes para a cidade como son a Feira do Gando de Amio, a xestión do Palacio de Congresos e de Incolsa ou a homologación da titulación do Centro Superior de Hostelería de Galicia.