O muxián Manuel Vilar Álvarez é o gañador do premio de investigación Rutas Xacobeas por un traballo sobre o Camiño de Fisterra

premio investigacin  filomena casal ignacio santos jess asorey manuel vilar e fernando barrosA Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos entregou esta mañá o Premio de Investigación Rutas Xacobeas, dotado con 4.500 euros, a Manuel Vilar Álvarez, natural de Muxía (A Coruña), por un traballo sobre o Camiño de Fisterra. No acto estiveron presentes o presidente da Asociación, Jesús Asorey; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (en representación do xurado), Juan Monterroso; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal; e o secretario xeral adxunto da entidade cameral, Fernando Barros.

Segundo manifestou Asorey, a convocatoria do premio de investigación é un importante vehículo de publicidade para os Camiños de Santiago, que lle dá “continuidade e promoción máis alá dun Ano Santo”. Asorey describiu este traballo como unha “guía de ruta do Camiño de Fisterra”, que conseguiu alzarse co premio entre outras dúas propostas de estudo.
Pola súa parte, Ignacio Santos destacou a importancia do convenio existente entre o Xacobeo e a Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos para potenciar a promoción do Camiño de Santiago durante o 2009 a través de diversas exposicións por cidades españolas (Murcia, Briviesca, Toledo, Valladolid, Girona e Segovia) e europeas (Estocolmo, Varsovia e Cracovia), de seis becas  e un premio de investigación.

O traballo de investigación, "O Camiño á fin da terra", trátase dun proxecto de aproximación ao territorio polo que transcorre a prolongación do Camiño de Santiago cara ás terras de Fisterra e Muxía. Está estruturado en sete capítulos, onde se analiza e estuda o territorio polo que pasa o Camiño desde unha visión histórica e antropolóxica, utilizando fontes documentais escritas, pero tamén fontes orais.

Segundo o autor, co estudo sobre o camiño e o territorio pódese contribuír a un mellor aproveitamento dos recursos da zona que poderán redundan en beneficio dos seus habitantes e nunha mellor calidade de vida dos mesmo. “O camiño pode axudar a buscar un valor engadido ao patrimonio cultural, un valor de rendibilidade económica asociada a novas formas de lecer e de turismo, pero tamén un valor social que poida dar saída a problemas actuais, polo tanto un valor de harmonizador social” –indicou Vilar Álvarez.

Así, o premiado explicou que nesta liña enténdese o camiño como un ente capaz de dar respostas a novas formas de turismo, de mobilidade propias da sociedade posmoderna e pode funcionar non como un recurso turístico máis, senón como un recurso especial que permita xerar novas políticas de desenvolvemento no rural baseadas, entre outras, no patrimonio e na paisaxe.

O xurado estivo integrado polo presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey; o decano de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Monterroso; o profesor de Historia Contemporánea da Universidad de León, Gustavo Puente; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Pontevedra, Charo Lorenzo; e o secretario xeral da Cámara de Comercio de León, Antonio M. Díaz.