Os empresarios do Barbanza non confían na recuperación a curto prazo dos seus negocios

Nueva_imagenUn 76% das empresas enquisadas afirman que a debilidade da demanda é o factor que máis limita a súa actividade

Son datos que aparecen recollidos no Indicador de Confianza Empresarial do 4º trimestre de 2010, presentado hoxe no Concello de Boiro e elaborado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela


O presidente cameral, Jesús Asorey, e o alcalde de Boiro, Xosé Deira, asinaron a renovación do convenio do Programa Antenas “Servizos de proximidade para a pequena e mediana empresa”, con vixencia ata decembro de 2011


A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, desde a súa Antena Local, presentou esta mañá no Concello de Boiro o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza cos resultados do cuarto trimestre de 2010 e expectativas para o primeiro trimestre de 2011. No acto estiveron presentes o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; o alcalde de Boiro, Xosé Deira; o teniente alcalde, Juan Jesús Ares; e o secretario xeral adxunto da entidade cameral, Fernando Barros.
O ICE correspondente ao cuarto trimestre volve a caer por segundo trimestre consecutivo pero cun valor máis negativo que no período anterior , situándose en -5,39 puntos, igualando a cifra que se acadou no cuarto trimestre de 2009.

A continuación exponse un esglose por situación e expectativas:

- ICE: -5,39 (-0,33 no período anterior)
- Índice de Situación:  -5,6 (5,3 no período anterior)
- Índice de Expectativas:  -5,2 (-6 no período anterior)


Segundo estes datos, o informe cameral revela que unha vez máis os datos rexistrados no índice de situación son negativos, rompendo a tendencia á alza do terceiro trimestre de 2010 onde se pechou con 5,3 puntos. En relación as expectativas, o indicador barbanzá amosa que a confianza do empresariado para os vindeiros meses continúa en descenso con -5,2 puntos, dato que unido ao resultado do trimestre anterior (-6 puntos no índice de expectativas) marcan as peores cifras deste informe desde o comezo da súa elaboración en 2009.

Entre os factores que limitan a actividade empresarial, a debilidade da demanda segue a ser o factor que máis inflúe no funcionamento dos negocios. Un 76% das empresas enquisadas sinalaron este factor como o responsable da evolución do seu negocio, dato que se incrementa fronte ao 68,4% sinalado no período anterior e mesmo por riba da media de 2009. Os factores restantes mantéñense en tasas inferiores ao valor medio do exercicio pasado, sobre todo en dificultades de financiación e aumento da competencia.

Por sectores, a construción do Barbanza continúa aportando a cifra máis negativa en expectativas, situándose en -31,6 puntos; pero o índice de situación aparece sobrepasado polo sector da hostalería, cun valor de -32,1 puntos. “En xeral todos os valores son negativos, tanto en situación como en expectativas, aínda que os valores menos pesimistas corresponden aos sectores outros servizos e ao comercio” –explicou Asorey.

Atendendo aos factores que limitan a actividades por sectores, nesta ocasión gaña importancia o factor outras causas, sobre todo na hostalería onde os enquisados destacan a influenza da lei antitabaco na evolución dos seus negocios. O resto de sectores sinalan a crise, o paro ou a falta de liquidez.

A comparación entre o ICE-Barbanza (-5,39) e o ICE-España (-20,5) para o cuarto trimestre revela un resultado claramente máis positivo para a zona barbanzá. O ICE realizouse sobre a base de enquisas realizadas a 421 empresas para este período analizado dos concellos de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son. Analiza trimestralmente as perspectivas das empresas da comarca do Barbanza sobre a cifra de negocio, emprego, prezos inversión e exportacións.

Úsanse dous baremos xerais: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Tanto o de Situación como o de Expectativas varían entre -100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade. Este informe é froito do traballo conxunto da Cámara de Comercio e diversas institucións e asociacións da comarca do Barbanza: Concello de Boiro, Concello de Ribeira, Concello de Pobra do Caramiñal, Concello de Rianxo, Asociación Boirense de Empresarios, Asociación Rianxeira de Empresarios, Asociación de Empresarios de Riveira, Asociación de Empresarios de Pobra do Caramiñal, Centro Comercial Aberto ODean-Pobra do Caramiñal e a Asociación Sonense de Empresarios.

Renovación do convenio co Concello

Ademais esta mañá, o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o alcalde de Boiro, Xosé Deira, asinaron a renovación do convenio de colaboración por un ano máis para o desenvolvemento do Programa Antenas “Servizos de proximidade para a pequena e mediana empresa”. O convenio comezou a funcionar en 2004 é estará vixente ata decembro de 2011.

Con respecto á financiación da antena, a Cámara e as entidades locais cofinancian o 20% dos custos (10% a Cámara de Comercio e o 10% restante o Concello). Pola súa parte, o Fondo Social Europeo aportará o 80% restante.

O programa Antenas está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Boiro.