A Cámara de Santiago valora “positivamente a boa disposición” da Xunta de Galicia a defender o futuro destas entidades galegas

As Cámaras de Galicia propuxéronlle ao conselleiro de Economía e Industria crear unha comisión mixta para afrontar o novo marco xurídico derivado da aplicación do decreto do Goberno de España que suprime as cotas empresariais

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela valora positivamente a boa disposición da Xunta de Galicia a defender o futuro das entidades camerais, tralo decreto do Goberno no que se anuncia a vindeira supresión da obrigatoriedade das cotas empresariais. Os presidentes das cámaras galegas, entre eles Jesús Asorey –titular da Cámara compostelá–, mantiveron o 28 de xaneiro na Cámara de Santiago unha xuntanza co conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, para abordar a situación financeira e estrutural á que terán que facer fronte estas institucións derivada do novo marco xurídico.
Javier Guerra afirmou no transcurso da reunión que vai estudar a posibilidade de presentar un recurso xudicial, “por conflito de competencias”, contra o devandito Real Decreto Ley 13/2010 do 3 de decembro. Por outra parte, as Cámaras propuxeron a creación dunha comisión mixta, formada por representantes camerais e dirixentes do Goberno autonómico, co fin de estudar posibles materias de colaboración que aproveiten as estruturas das institucións camerais para realizar tarefas de xestión específicas, ademais de traballar no axuste orzamentario, toda vez que a Consellería de Economía e Industria é o órgano tutelar das entidades camerais galegas. As Cámaras e a Consellería buscarán, de forma prioritaria, solucións á falta de financiamento para programas como o FOEXGA (Fomento das Exportacións Galegas).

A Cámara compostelá destaca que todas as Cámaras do mundo defenden o interese xeral a través das empresas e préstanlles servizos especializados, así como que realizan funcións de carácter público-administrativo, agás en USA; mentres que no marco da Unión Europea asumen a xestión de trámites relativos a comercio exterior, como certificación en orixe  e legalizacións. Igualmente, na maior parte dos países, as Cámaras conforman unha rede integrada con proxectos comúns e “unha entidade de ámbito nacional con funcións de coordinación e representación”, segundo subliña.

A Cámara de Compostela, 26.401 licenzas fiscais

A Cámara de Santiago indica que posúe 26.401 licenzas fiscais: “O 34,8% das firmas non pagan ningunha cota, aínda que teñen dereito a recibir servizos e son eleitores dos seus órganos de goberno. E só o 2,42% do total supoñen as dúas terceiras partes dos seus ingresos por cotas empresariais”. A entidade compostelá engade que, nas cámaras europeas de dereito público, todas as empresas, agás o sector agrícola, forman parte das Cámaras, “cuxa fonte principal de financiamento son as cotas obrigatorias”.