A Cámara de Comercio de Santiago entrega os diplomas aos 72 participantes dos programas de formación para a creación de empresas

Presentáronse 56 proxectos e constituíronse 8 firmasdiplomas

Os cursos realizáronse coa colaboración do Fondo Social Europeo, Fundación INCYDE, Deputación da Coruña e a Consellería de Traballo


A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrou esta mañá un acto no seu viveiro empresarial de Costa Vella, no que se entregaron os diplomas aos 72 participantes en tres programas de Creación e Consolidación de Empresas e un seminario de Emprendedores no Comercio, organizados en colaboración coa Fundación INCYDE (Instituto Cameral de Creación y Desarrollo de la Empresa) e a Deputación da Coruña, que contaron con financiamento do Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo.
O evento estivo presidido polo titular da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o director Xeral de Traballo, Andrés Hermida; o director xeral da Fundación INCYDE, Ángel Colomina;  e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal.

En total, a través destes cursos creáronse 8 empresas e presentáronse 56 proxectos de emprendedores. Asorey felicitou a todos os participantes que culminaron a tarefa e tiveron a ocasión de aprender, coñecer e descubrir modos profesionais e empresariais no ámbito dos negocios. “A formación é fundamental e o seu investimente sempre é rendible” –indicou Asorey.

Andrés Hermida destacou o valor destas accións formativas que contribúen ao desenvolvemento dos emprendedores galegos, “nos que a sociedade ten postas moitas esperanzas” –manifestou. Ademais, Hermida recalcou o papel que as Cámaras de Comercio representan dentro do emprendemento galego, con 8 dos 22 viveiros existentes na comunidade.

Pola súa parte, Ángel Colomina fixo referencia ao “papel activo” que desempeña a Cámara de Comercio compostelá no emprendemento, cun ratio de supervivencia empresarial do 90%. “La incubadora de la Cámara de Santiago es más eficiente que el resto de viveros de Galicia” –explicou Colomina.

Finalmente, Moreda clausurou o acto e felicitou á Cámara polo seu traballo e dedicación constante á formación de moitos emprendedores, aos que animou a continuar cos seus proxectos. “A aventura empresarial non vai ser fácil, pero todo se consegue con traballo, esforzo e vontade” –manifestou Moreda.

O comezo dun proxecto social


No transcurso do acto, tres emprendedoras participantes nos cursos de formación (as psicólogas Marta Rodríguez, Martina González e Cristina López) presentaron a seu traballo sobre “Deseño e xestión de proxectos sociais”, Escolanza. A idea de negocio céntrase en atender tres colectivos clave da sociedade: a terceira idade, a mocidade e o colectivo xeral. Segundo explicaron, ofrecerán aos seus potenciais clientes (as obras sociais das Caixas de Aforros, administracións, centros educativos ou asociacións) diversos servizos de asesoramento e consulta, como por exemplo sobre aprendizaxe para a vellez, técnicas educativas ou consellos de concienciación social.