Os viveiros empresariais galegos xeran arredor de 3.000 empregos, segundo un estudo da Consellería de Traballo

estudoviveroEste informe foi presentado esta mañá polo director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, e o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, no viveiro de Costa  Vella

A incubadora empresarial da Cámara compostelá ten na actualidade 31 empresas e presenta unha tasa de supervivencia do 95% nos últimos anos


Os negocios que se desenvolven nos viveiros de empresa en Galicia xeran uns 3.000 postos de emprego directos, aos que habería que sumar os de carácter indirecto. Actualmente, hai funcionando en Galicia un total de 22 viveiros totalmente operativos, aos que se sumarán outros 10 que se porán en funcionamento nun prazo breve de tempo.
Así o conclúe un estudo da Consellería de Traballo e Benestar, un traballo pioneiro a nivel autonómico e nacional xa que non existe ningún outro destas características. O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, presentou hoxe no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago este traballo, xunto cos autores do mesmo: os profesores Francisco Jesús Ferreiro da USC, e o profesor da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero. Ademais, no acto estivo presente o titular da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; e a secretaria cameral, Filomena Casal.

O traballo, que foi financiado polo departamento autonómico, ten como obxectivo coñecer as características dos viveiros galegos, analizar o perfil emprendedor e a actividade predominantes nos mesmos, así como avaliar a súa creación de emprego. Con respecto a este último punto, o estudo recolle que máis de 880 actividades empresariais se desenvolveron nos viveiros galegos, predominando aquelas de natureza científica e técnica.

Ademais, o documento amosa que a taxa de éxito dos emprendedores galegos nestes viveiros é do 90 por cento, un dato destacable na situación actual na que moitas empresas teñen que desaparecer nos seus primeiros catro anos de andadura.

Hai que ter en conta que aos 22 viveiros actualmente operativos, habería que sumar os outros 10 que se porán en marcha en breve, ou ben que están en proxecto, nas seguintes localidades: Oleiros, Narón, As Pontes, Santiago (orientado á I+D+i, tecnoloxía e apoio aos oficios), Guitiriz, na comarca de Lemos, Burela, Viveiro, Barco de Valdeorras, e Pontevedra.

En canto á utilidade destes iniciativas, cabería destacar que os 20.500 metros cadrados de instalacións dos que dispoñen os viveiros de empresas en Galicia permiten que os emprendedores teñan á súa disposición un conxunto axeitado de recursos, físicos e humanos, para levar a cabo o seu proxecto durante un período de entre 2 e 5 anos.

O espazo temporal está delimitado porque o obxectivo do viveiro é servir como “punto de partida” da actividade no seu momento “máis crítico”, que é o comezo. De aí a importancia da oferta de servizos intanxibles neste proxectos, xa que os emprendedores contan cun “bo asesoramento” impartido por profesionais.

Así, por exemplo, o 81 por cento dos emprendedores galegos instalados nos viveiros conseguiron unha subvención que, rexidas por criterios obxectivos, valoran especialmente a viabilidade dos proxectos e a súa capacidade para crear emprego.

Polo último e ante os datos do estudo, o director xeral de Promoción de Emprego sinalou que a Xunta de Galicia continuará apostando polos viveiros de empresas e polo apoio ao emprendemento como instrumentos para mellorar a situación económica e dinamizar o emprego na comunidade autónoma.

Pola súa parte, Asorey destacou que nos últimos anos as Cámaras de Comercio españolas crearon 90 viveiros, mellorando ano tras ano a tasa de supervivencia dos seus negocios, pasando do 46 ao 84 por cento. O presidente cameral lembrou a celebración no mes de outubro en Santiago do II Encuentro Nacional de Viveristas, no que participaron 300 personas e se realizaron 360 reunións.

“No viveiro de Costa Vella temos actualmente 31 empresas ligadas ao sector dos servizos. En cinco anos acollemos a unhas 70 firmas, cun 95 por cento de tasa de supervivencia” –indicou Asorey.

Francisco Ferreiro expuxo os datos básicos do estudo, realizado a través dunha serie de visitas e enquisas a todos os viveiros galegos durante 2009. Segundo indicou, os viveiristas galegos son de perfil masculino, de 35 anos e titulación universitaria. Finalmente, Ferreiro apuntou que segundo os datos extraídos das enquisas, o 98,6% dos viveiristas pensan que os viveiros son últiles e que os axudan a levar adiante o seu proxecto empresarial.