A Cámara de Comercio saúda a inauguración da Cidade da Cultura no Gaiás “porque propiciará rendibilidade económica, social e cultural”

Agradece e valora a presenza dos Príncipes de Asturias xa que lle confire “carácter de Estado”

Pero reclama a “urxente mellora dos accesos”

Avoga tamén por “fomentar o turismo selectivo” aproveitando os aniversarios da catedral e da declaración da UNESCO


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago saúda a inminente apertura da Cidade da Cultura “porque propiciará rendibilidade económica, social e cultural” a Santiago, Galicia e España. Ademais agradece e valora “enormemente” a asistencia dos Príncipes de Asturias aos actos oficiais de inauguración previstos para o vindeiro once de xaneiro: “A presenza da Casa Real confírelle verdadeiro carácter de Estado ao novo complexo cultural, propalando a España e ao mundo o nacemento dunha urbe cultural e patrimonial de dimensión internacional”.
A Cámara subliña que a apertura da Cidade da Cultura servirá para que o monte Gaiás inicie a súa integración na urbe compostelá “a medida que os santiagueses, visitantes e turistas acudan a ese novo espazo chamado a se converter nun faro arquitectónico, artístico e cultural de primeiro nivel”.  Destaca que a Cidade da Cultura “debe ser un estímulo para a nosa economía non só pola súa capacidade de convocatoria e poder de atracción, senón tamén polo investimento público e privado destinado á súa actividade”.

Pero a Cámara reivindica que a obra continúe executándose “gradualmente” ata finalizar os seis edificios proxectados, así como a “urxente mellora dos accesos, entre eles o desdobramento da autoestrada do Atlántico e o enlace mediante teleférico, xa que ademais cumprirá as funcións de elemento integrador e de liberación de tráfico”. Os edificios que agora se inauguran estimularán a curiosidade sobre un lugar que, segundo reclaman os representantes camerais, debe levar aparellada unha potente promoción exterior “acorde coa súa extraordinaria relevancia”.

O pleno cameral, por outra parte, subliña que as “importantes e exhaustivas” obras de rehabilitación na catedral, a recuperación da Casa do Cabido, así como a apertura do novo Museo da Cidade e das Peregrinacións en Praterías, prevista para a primavera, enriquecerán “notablemente” o centro histórico.

A remozada catedral, novos edificios e contidos patrimoniais acompañarán a celebración do oitocentos aniversario da catedral compostelá, pero tamén do vintecinco aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade, eventos que deben traer, segundo a entidade, “o deseño e implementación de novas políticas municipais que afonden no fomento do turismo selectivo e menos masificado que no ano xacobeo”. O pleno cameral  tamén insta aos poderes públicos e autoridades eclesiásticas a seguir promocionando, defendendo e protexendo o Camiño de Santiago, “xa que 271.730 peregrinos este ano serán os seus divulgadores por todo o mundo”, segundo precisa.

A Asociación das Cámaras dos Camiños Xacobeos, que lidera Santiago e agrupa a unha cuarentena de entidades, outorgará novas becas e concederá premios de investigación a estudos orixinais das rutas xacobeas, convocará concursos de fotografías e levará a unha ducia de cidades españolas a mostra propia En camiño, integrada por 35 imaxes representativas dos itinerarios a Compostela, entre outras accións programadas para o ano 2011.