A Cámara de Comercio reivindica un aeroporto activo e competitivo para o que considera “esencial” o respaldo das Administracións

E demanda que a nova terminal entre en funcionamento “ao cen por cen” cando se inaugure

A Cámara de Comercio Industria e Navegación de Santiago reivindica un aeroporto activo e competitivo en 2011, para o que considera “esencial” o respaldo das Administracións públicas. O pleno cameral quere destacar a preponderancia de Lavacolla con datos “que son definitivos e rotundos, xa que move a metade dos viaxeiros dos tres aeroportos galegos e, ademais, Santiago é a principal porta de entrada e saída dos turistas da comunidade”. Teima en que Lavacolla pechou o ano batendo o seu propio récord histórico ao sumar 2,1 millóns de pasaxeiros aproximadamente, e engade que leva meses con crecementos “moi significativos” que apuntan a unha “progresión sostida”.
A Cámara sinala que coa inauguración da nova terminal, prevista para abril, así como a inmediata recuperación do ILS (avanzado sistema de navegación que permite operacións en condicións moi precarias) e a mellora dos accesos, o aeroporto central de Galicia estará en “condicións óptimas de elevar eses rexistros de viaxeiros”. Outro argumento que relaciona a entidade compostelá coa “positiva evolución” de Lavacolla é a programación cultural e espiritual que xa se debulla con motivo do aniversario da consagración da catedral, “que suporá unha extensión do ano xacobeo ata o verán, polo que o fluxo aéreo de persoas se manterá en cotas importantes”.

A Cámara tamén quere defender a necesidade dun aeroporto dinámico para que “empresarios, autónomos, directivos e mesmo particulares poidan desenvolver as súas actividades empresariais e persoais en boas condicións de mobilidade, con prezos económicos, algo fundamental na conxuntura actual”. As liñas de baixo custe tamén atraen a moitos mozos e estudantes, tanto para vir a Santiago como para ir a Europa, segundo subliñan os representantes camerais.

“Todas estas referencias e argumentos teñen peso suficiente como para facer do novo Lavacolla un aeroporto internacional, ben dotado de rutas e frecuencias, que preste un servizo útil e eficiente a todos os galegos, e mesmo ao cuadrante noroeste peninsular; polo que demandamos das administracións públicas a súa máxima implicación e teñan en conta as cualidades obxectivas do aeródromo santiagués”, segundo conclúe a Cámara de Compostela.