A Cámara de Comercio de Santiago manifesta a súa disconformidade co mapa de rutas aéreas

Non entende como se priman outros aeroportos “onde o gasto público é moito maior”

Defende a conexión italiana porque os italianos figuran entre os “primeiros clientes” europeos


A Cámara de Comercio de Santiago manifesta a súa disconformidade co mapa de rutas aéreas subvencionado pola Xunta de Galicia: “Non nos parece xusto o trato que se lle dá a Santiago. Non entendemos como se priman outros aeroportos, onde o gasto público é moito maior e sabendo que a súa rendibilidade é moito menor”. Advirte de que os italianos figuran entre os primeiros clientes a nivel europeo e declara que “Roma, ou temporalmente Milán, é un destino fundamental, e agora quedamos sen unha conexión que funcionaba completa”. A entidade explica que é “esencial” ter vóos en inverno cara a desestacionalizar o turismo; e engade que, malia as discrepancias que a Xunta de Galicia puidese ter con Ryanair, “pensamos que é a compañía máis rendible e turística, porque é a única que mantén os vóos todo o ano, mentres as outras só operan nos meses máis rendibles”.
O pleno cameral quere destacar a preponderancia de Lavacolla con datos “que son definitivos e rotundos, xa que move a metade dos viaxeiros dos tres aeroportos galegos e, ademais, Santiago é a principal porta de entrada e saída dos turistas da comunidade”. Teima en que Lavacolla pechará o ano batendo o seu propio récord histórico ao sumar 2,1 millóns de pasaxeiros aproximadamente, e engade que leva meses con crecementos “moi significativos” que apuntan a unha tendencia de estabilidade elevada, indica.

A nova terminal de Lavacolla

A Cámara sinala que coa inauguración da nova terminal, prevista para abril, así como a inmediata recuperación do ILS (avanzado sistema de navegación que permite operacións en condicións moi precarias) e a mellora dos accesos, o aeroporto central de Galicia estará en “condicións óptimas de preservar eses rexistros de viaxeiros”. Outro argumento que relaciona a entidade compostelá coa “positiva evolución” de Lavacolla é a programación cultural e espiritual que xa se debulla con motivo do aniversario da consagración da catedral, “que suporá unha extensión do ano xacobeo ata o verán, polo que o fluxo aéreo de persoas se manterá en cotas importantes”.

A Cámara tamén quere defender a necesidade dun aeroporto activo e competitivo para que “empresarios, autónomos, directivos e mesmo particulares poidan desenvolver as súas actividades empresariais e persoais en boas condicións de mobilidade, con prezos económicos, algo fundamental na conxuntura actual”. As liñas de baixo custe tamén atraen a moitos mozos e estudantes, tanto para vir a Santiago como para ir a Europa, segundo subliñan os representantes camerais.

“Todas estas referencias e argumentos teñen peso suficiente como para facer do novo Lavacolla un aeroporto internacional, ben dotado de rutas e frecuencias, que preste un servizo útil e eficiente a todos os galegos, e mesmo ao cuadrante noroeste peninsular; polo que demandamos das administracións públicas a súa máxima implicación e rigor nas negociacións cos operadores e teñan en conta as cualidades obxectivas do aeródromo santiagués”, segundo conclúe a Cámara de Compostela.