A Cámara de Comercio de Santiago pide axuda ao Apóstolo para superar as dificultades no camiño da crise

invocacion.jpgOs plenarios, viveiristas e persoal da entidade cameral peregrinaron hoxe desde o Monte do Gozo para despedir o Ano Xacobeo

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela ao completo, plenarios, viveiristas e persoal, peregrinaron hoxe desde o Monte do Gozo ata o Obradorio para despedir o Ano Santo. Asistiron á misa do peregrino, onde o seu presidente, Jesús Asorey, pronunciou unha emotiva invocación ao Apóstolo.
“Vivimos tempos difíciles, tempos de incerteza e desasosiego. A economía do país non anda ben: o paro disparouse como nunca,  os autónomos sobreviven a duras penas e os balances empresariais amosan saldos regresivos. Pero as crises deben servirnos para pensar e coller novo impulso” –expuxo Asorey que, de seguido, pediu auxilio ao Apóstolo para superar as dificultades deste camiño.

Ademais, na súa invocación o presidente agradeceu os desvelos e bon facer do persoal da entidade. Quixo tamén recoñecer o labor realizado para liderar a Asociación de Cámaras dos Camiños e anunciou o seu compromiso co aniversario da consagración da catedral o ano  próximo, “na medida das nosas posibilidades e desde a nosa irrenunciable vocación de servizo da sociedade –aclarou Asorey.

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago finalizou a invocación con estas palabras: “Señor Santiago, hoxe queremos manifestar que para a nosa Cámara é un referente a senda imborrable que deixaste na túa peregrinación a estas terras achegándonos a boa nova do amor fraterno. Por iso, nestes tempos tan difíciles, queremos expresar o noso sentimento afectuoso e solidario cos necesitados e reclamar a túa intercesión para seguir adiante sempre”.