O gabinete Novi Ius Avogados, o restaurante O Dezaseis e Atlántica de Información e Comunicación de Galicia reciben os Premios Manuel Beiras polo uso do galego na súa actividade comercial e profesional

16Este galardón recoñece o esforzo que realizan as empresas da cidade no proceso de normalización da lingua

A entrega de premios celebrarase esta noite, ás 21:30 horas no hotel Araguaney


O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregan esta noite, ás 21:30 horas no Hotel Araguaney, os galardóns da décimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras. No acto e cea de gala estarán presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey Carril; a concelleira de Participación Cidadá  e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez Silva; e o vicepresidente da entidade cameral, Evaristo Rodríguez Carracedo; entre outras personalidades de Compostela.
Despois de estudar as candidaturas presentadas e das deliberacións oportunas, o xurado decidiu outorgar os Premios Manuel Beiras, nas categorías previstas nas bases da convocatoria, ás tres empresas que mellor reflicten a esencia desta distinción:

1.    O gabinete xurídico NOVI IUS AVOGADOS (rúa Fernando III O Santo,  32) recibiu a distinción dentro da categoría de incorporación ao uso do galego. Trátase dun despacho de avogados de recente creación que introducen a lingua galega no seu día a día. Este uso do galego aínda non é moi frecuente nun sector como o xudicial, pero os responsables de Novi Ius apostan por esta opción lingüística.

2.    Na categoría de uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón CASA DE XANTAR O DEZASEIS –www.dezaseis.com–, que desde a súa apertura fai 15 anos utiliza como base estratéxica de comunicación a lingua galega e fai unha aposta pola cultura, arte e gastronomía galegas no seu local de restauración (rúa de San Pedro, 16).

3.    Finalmente, a distinción especial recaeu na ATLÁNTICA DE INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN DE GALICIA (www.temposdixital.com), pola súa decidida aposta polo noso idioma en todas as súas publicacións periódicas como a coñecida revista Tempos Novos. Esta sociedade constituíuse en 1997 con 150 fundadores e socios representativos de diversas tendencias e sensibilidades políticas, sociais e culturais de Galicia, co obxecto de editar publicacións alternativas e de calidade (rúa dos Porróns, 8-2º, Meixonfrío).

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. De manera simbólica, os premiados recibirán unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.