A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos fai un balance “positivo” do Ano Santo e programa as súas actividades para 2011

AsembleaExpoñerán a mostra “En Camino” por doce cidades de paso de peregrinación e convocarán as becas de investigación xacobeas e concursos de fotografía e narrativa

A xunta directiva da Asociación celebrou hoxe a última asemblea xeral do ano na Cámara de Comercio de Santiago


A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos reuniuse hoxe na Cámara de Comercio de Santiago para realizar un balance xeral do Ano Santo,  presentar os presupostos para o próximo 2011 e o seu programa de actividades. Na xuntanza estiveron presentes o presidente da Asociación de Cámaras e da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o secretario da Asociación, Francisco Moldes; e outros representantes de Cámaras galegas e españolas.
Segundo manifestou Asorey, a Asociación de Cámaras dos Camiños centrará a súa actividade de 2011 na exposición fotográfica “En Camino”, que levará por unha ducia de cidades e vilas de paso do Camiño de Santiago máis de 35 imaxes representativas de cada unha das rutas de peregrinación. Para promocionar esta mostra, a asociación contará coa colaboración do Xacobeo que se plasmará coa sinatura dun convenio de colaboración. Outras das actividades que se desenvolverán nos próximos meses serán as becas e o premio de investigación das rutas xacobeas e varios concursos de fotografía e narrativa sobre o camiño.

“A pesar do problema que atravesan as Cámaras españolas coa eliminación das cotas camerais, a Asociación seguirá desenvolvendo as súas funcións. É certo que hai un antes e un despois nas Cámaras de Comercio desde o anuncio deste proxecto de lei, que se levará mañá ao Consejo de Ministros. Trátase dun momento de incerteza onde as Cámaras teremos que redimensionar as nosas estruturas” –explicou Asorey.

Balance positvo

En relación ao Ano Xacobeo, Asorey calificou de positivos os resultados acadados, onde o Camiño de Santiago foi un elemento dinamizador e de promoción para o turismo en Galicia e en España. O gran reto para 2011 é alcanzar unha proxección dos Camiños de Santiago tralo fin do Ano Xacobeo e transformar e mellorar o resto de rutas de peregrinación (Camiño Inglés, Portugués, do Norte, Primitivo, de Fisterra e Vía da Prata) ao igual que lle aconteceu ao Camiño Francés desde 1993” –indicou o presidente da asociación. Ademais, Asorey destacou o papel que en 2011 adquirirá a Cidade da Cultura, como referente arquitectónico de carácter internacional.