O programa Intelitur desvela ás empresas do turismo galego as claves para innovar e competir

inteliturforoÉ unha iniciativa das Cámaras,  a Secretaría de Estado de Comercio e fondos europeos FEDER que contou en Santiago coa participación de 200 empresas

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Santiago, reclamou “alturas de miras, lealdade institucional e rigor técnico e profesional para ganar o futuro”


Santiago de Compostela acolleu esta mañá o Foro Intelitur de Innovación e Turismo. O evento celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia coa participación de 200 empresas do sector. O acto foi inaugurado polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Jesús Asorey; o presidente do Consello Galego de Cámaras, José Costas; o subdirector xeral de Planificación e Coordinación das OETS de Turespaña, Álvaro Blanco; e pola secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo.
Asorey exhortou a “todas as Administracións e actores turísticos a sumar e cooperar”, advertindo da “propia desunión” como principal ameaza do sector, e demandou “altura de miras, lealdade institucional e rigor técnico e profesional para ganar o futuro”. Ademais, fixo referencia ao Camiño de Santiago como o primeiro recurso turístico de Galicia, de carácter sostible e universal, que ofrece distinción e un patrimonio para as terras galegas.

Pola súa parte, José Costas destacou o papel do turismo como un dos pilares fundamentais da economía española, e a importancia do sector a nivel mundial ocupando o segundo posto. “Aínda que o sector está capeando o temporal, é necesario que as empresas apliquen novas ferramentas de innovación” –explicou.

O subdirector de Turespaña, Álvaro Blanco, recalcou que o turismo en España actuar como “un sector con futuro y no con un pasado prometedor”. Ademais, Blanco destacou que desde Turespaña apostan por dúas claves fundamentais para a súa evolución, a diferenciación e competitividade, xerando servizos con valor engadido e novas iniciativas que potencien o seu impacto, como Saborea España ou as rutas do viño.

Carmen Pardo realizou un balance dun ano histórico no turismo galego, no que se rexistraron o dobre de viaxeiros e pernoctacións que a nivel nacional. Ademais, Pardo indicou que desde a Administración están levando a cabo unha estratexia de multidestino, asociando diversos produtos como o termalismo e o Camiño de Santiago. Finalmente, anunciou o lanzamento da primeira marca turística de Galicia.

Canles para a innovación do sector
Durante os catro relatorios do foro Intelitur explicáronse os diversos canles e ferramentas das que disporán as empresas nos próximos meses para poder innovar e ser máis competitivas no mercado.

O xefe de Proxecto do Instituto Tecnológico Hotelero, Manuel Clar, ofreceu unha conferencia sobre a importancia da eficiencia enerxética nas empresas do sector desde o punto de vista ambiental, económico e social. Indicou que o programa Intelitur abrirá en xaneiro de 2011 un portal web para que cada entidade poida coñecer o seu consumo enerxético, ademais de contar con respaldo telefónico, foros web, ou as redes sociais.

O xerente de Innovación Empresarial y Desarrollo Regional de Everis, Francisco González, expuxo o canal de innovación e transferencia tecnolóxica de Intelitur. “La innovación es un proceso continuo pero muy complicado de aplicar para las pymes, por lo que contarán con una plataforma tecnológica de ayuda dentro programa” –manifestou.

Por outro lado, o consultor de THR, Mariano Hervás, ofreceu un relatorio sobre a análise e tendencias do turismo. Trátase doutra canle do proxecto Intelitur, centrado na oferta e demanda, é dicir, na intelixencia dos mercados.

Boas prácticas
Esta presentación de Intelitur en Santiago de Compostela contou coa colaboración de tres empresarios galegos de éxito que relataron aos asistentes as súas experiencias empresariais.

En primeiro lugar, a directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Patricia Cuevas, realizou un percorrido pola traxectoria do centro ata conseguir este ano o recoñecemento da Federación Española de Hostelería (FEHR) como mellor escola de hostelería de España. “Desde o seu nacemento en 1993, o centro forma aos seus alumnos en todas as escalas de hostelería, para que poidan coñecer os procedementos desde a base, tendo ademais prácticas directas de 18 meses en empresas” –explicou Cuevas.

A continuación, interviu o director xeral de Caldaria Hoteles, Javier Soto, que explicou o rexurdimento do turismo termal en Galicia ata converterse en líder do sector en España. “Foi necesaria unha forte inversión en tecnoloxía para facer fronte ás esixencias do mercado, e diversos estudos hidroxeolóxicos” –indicou. Caldaria Hoteles dispón de tres hoteis balnearios e un establecemento rural vinculado a un deles na provincia de Ourense (Arnoia, Laias e Lobios).

Por último, o responsable da empresa viguesa Bluguía (firma de guías turísticas en GPS), Pablo Conde, comentou a evolución da súa empresa desde o seu nacemento en 2008 no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Vigo ata actualidade exportando o seu produto a Palma de Mallorca ou Murcia. “Facemos unha guía innovadora, grazas á tecnoloxía, para movernos polas cidades, e mesmo incluímos o Camiño de Santiago dentro deste proxecto” –manifestou.

Finalmente, o foro foi clausurado polo secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa, que desexou un importante impacto de Intelitur nas empresas turísticas galegas.