A Cámara de Comercio de Santiago presenta sete casos de éxito en I+D+i nunha xornada sobre innovación para pemes

Xornada_de_intensificacionParticiparon centros tecnolóxicos e asociacións de Galicia e doutros puntos de España

Trátase dunha acción de intensificación que forma parte do programa Feira do Coñecemento, financiado polo Fondo Social Europeo, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consejo de Cámaras e as Cámaras de Comercio


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela celebrou esta mañá unha xornada sobre innovación para as empresas da súa demarcación cameral. A acción formativa de intensificación forma parte do Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento, “Feira do Coñecemento”, que comezou a executarse este ano como unha nova liña estratéxica a seguir polas Cámaras de Comercio. Foi aprobado polo Fondo Social Europeo (FSE) e cofinanciado ademais, polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consejo Superior de Cámaras, así como polas 60 Cámaras participantes.
A consultoría de innovación e externalización Serviguide realizou unha exposición inicial para explicar a transformación dunha idea empresarial nun proxecto de I+D+i. A súa consultora da Área de Innovación, Marta Bravos, expuxo que tras o proceso de creatividade, as ideas empresariais deben ser avaliadas segundo unha serie de cirterios (técnicos, económicos, estratéxicos ou comerciais) en relación a cada tipo de empresa.

Casos de éxito


A continuación, comezaron a sucederse os sete casos de éxito convocados para esta xornada. En primeiro lugar, a representante da Asociación de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA) Vanesa Moreno, realizou unha introdución sobre o que representa a súa institución para o sector en I+D, citando algúns dos proxectos de investigación máis importantes. Centrou a súa exposición no proxecto “Desenvolvemento e implantación dunha plataforma distribuída como soporte á xestión dos sistemas de seguridade alimentaria na industria conserveira de pescados e mariscos”, que finalmente se estudou en cinco empresas representativas do sector.

Pola súa parte, a directora de Comunicación do Centro Tecnológico Cartif de Valladolid, María Parcero, facolu das características principais do centro (privado, sen ánimo de lucro e horizontal) centrado en ser “motor de innovación e competitividade”. Está composto por máis de 200 investigadores de alto nivel técnico que traballan en 127 proxectos nacionais e internacionais para máis de 100 empresas como potenciais clientes. Centran os seus esforzos no sector da construción, industrial, agroalimentario, enerxético, sanitario e de transporte.

A directora de Xestión da Innovación do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Alejandra Maceiras, realizou unha exposición cos principais obxectivos do centro: ser un proveedor cualificado para axudar as pemes na súa organización e alcanzar o grao necesario de satisfacción e calidade esixible segundo as súas necesidades. Enuniou varios casos de éxito en I+D como as redes de sensores inalámbricos na agricultura ou casos de éxito na sostibilidade de centros comerciais, edificios industriais e de oficinas.

Finalmente, a Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN), representada nesta xornada polo seu director Comercial Joaquín Vázquez, realizou unha presentación dos seus principais servizos e obxectivos, aumentar a capacidade tecnolóxica das empresas mellorando a súa competitividade vixilando a evolución  das tecnoloxías, coa adquisición e desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes e cubrindo as necesidades tecnolóxicas da industria. Centran os seus esforzos nos sectores aeronáutico, da automoción, metalmecánico, naval, enerxético, da construción e químico e petroquímico.

O Programa Feira do Coñecemento pretende dotar de ferramentas prácticas ás pemes para facilitarlles o seu propio camiño de innovación e transferencia, achegándoas aos centros de coñecemento. O programa vertébrase a través dos seguintes tipos de xornada: xornada de sensibilización (celebrada o pasado 3 de novembro) para presentar a feira e introducir os conceptos básicos de innovación e transferencia; a xornada de intensificación para que as empresas elaboren un autodiagnóstico de innovación e a coñecer o portfolio de centros de coñecemento do territorio galego e español; e a xornada 1x1, na que a partir dos diagnósticos das empresas, o Gabinete da Innovación e Transferencia da Cámara de Comercio organizara unha axenda de encontros entre empresas e centros de coñecemento para propiciar o desenvolvemento de proxectos de maneira conxunta.

Finalmente, implantouse un sistema informático para que actúe de plataforma tecnolóxica (www.feriadelconocimiento.org) para casar ofertas e demandas entre proveedores e demandantes, complementado coa prestación de servizos de apoio e asesoramento (xurídico, económico, técnico, etc.) en materia de transferencia. Esta plataforma servirá de encontro entre aquelas empresas ou administracións que plantexen publicamente retos que desexan solucionar e aqueles que desde a súa tarefa de investigación lles poidan aportar estas solucións.