Convócase o Premio Manuel Beiras para continuar coa loita polo uso da lingua galega nos negocios da cidade

BeirasÉ unha distinción simbólica que outorgan o Concello e a Cámara de Comercio de Santiago

O prazo para presentar a documentación estará aberto ata o martes-30 de novembro


O Concello e  Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela presentaron esta mañá a décimo primeira edición do Premio Manuel Beiras. No acto estiveron presentes a concelleira de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez Silva; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo; e o técnico do Departamento de Lingua Galega, Anxo Otero. Este premio, organizado nesta ocasión polo concello compostelán, trata de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.
A distinción consiste nunha escultura creada por Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto e cea de gala o 16 de decembro no hotel Araguaney. As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata o próximo día 30 de novembro para presentar a súa documentación.

Durante os primeiros días de decembro celebraranse as reunións do xurado (2 e 9 de decembro), composto por tres representantes das empresas distinguidas en 2009, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua e do Colexio Oficial de Xornalistas.

O premio ten un contido simbólico e non supón ninguna prestación económica. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. As empresas que optan a este galardón son todas as que estean implantadas no municipio de Santiago. “Todos os anos increméntase o número de empresas de nova creación que incorporan o uso do galego, pero aínda temos que loitar polo seu asentamento e seguir promocionando o seu emprego a través deste premio” ¬– indicou a concelleira.

As empresas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Oficina de Atención ao Público do Concello e na Cámara de Comercio ou nas súas respectivas webs (www.santiagodecompostela.org/ www.camaracompostela.com).

Deben incluír tamén documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio. As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. “Temos que reivindicar a persoa de Manuel Beiras como un empresario do comercio en Santiago que estivo na primeira liña da vangarda e loitou polo dereito de todos os cidadáns a empregar e usar a lingua galega” –apuntou Evaristo Rodríguez. Os galardoados na edición pasada foron: na categoría de nova incorporación, a tenda Pecados; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Localia Televisión; e con distinción especial, Libraría Pedreira.