A Cámara de Santiago programa vinte e nove cursos e xornadas para o segundo semestre

Celebraranse eventos informativos sobre o mercado de Perú, Cuba e Puerto Rico e tres cursos intensivos de inglés, francés e almán no Instituto Cameral de Idiomas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta unha adianto da programación formativa para o segundo semestre deste ano. Un total de vinte e nove actividades, entre xornadas, seminarios e cursos, conforman a programación para os próximos meses, que comezará a impartirse a finais de setembro. A entidade empresarial ofrece significativos descontos, un 20 por cento aos asociados á Cámara e un 10 por cento a aqueles que fagan a matrícula cun mínimo de dez días de antelación á celebración do curso.

Todas as actividades formativas organizadas teñen como obxecto a adquisición e mellora das competencias profesionais dos empresarios, traballadores ou daquelas persoas que queiran incorporarse ao mundo laboral. Na actual conxuntura, a formación constitúe un factor clave para reforzar a produtividade e competitividade das empresas e para potenciar a empregabilidade dos traballadores. Para alcanzar este fin, a Cámara de Comercio cre indispensable a presenza da formación para ter plantillas “recicladas, cualificadas e adaptadas ás características do mercado” –indican desde a entidade–.

As Cámaras de Comercio españolas son a segunda institución educativa por número de alumnos a nivel nacional, despois da Universidade. A Cámara de Comercio de Santiago superou nos últimos anos a cifra dos 2000 alumnos/ano. “Fronte a outras entidades, a Cámara de Comercio conta cun profesorado de prestixio e experiencia en distintos sectores que aportan un enfoque práctico e se adaptan ás necesidades das empresas, sempre anticipándose as súas carencias e mesmo ofrecéndolles formación específica in company e a medida a través de cursos chave en man” –apuntan desde a Cámara de Comercio de Santiago–.

No segundo semestre de 2015 ofrecerase formación en informática e novas tecnoloxías, como os cursos de Excel, redes sociais e contabilidade financeira informatizada; impartiranse cursos en materia laboral e de recursos humanos, de xestión empresarial ou de comercio e vendas. No apartado de comercio exterior, celebraranse xornadas informativas sobre o mercado de Perú, Cuba e Puerto Rico.

O Instituto Cameral de Idiomas de Santiago de Compostela (ICISC) ofertará cursos intensivos de inglés, francés e alemán para os últimos meses do ano, co obxecto de  que ao finalizar a formación os alumnos poidan obter un título oficial homologado por University of Cambreidge, Institut Français e o Goethe-Institut.

Ademais, haberá actividades desenvoltas en colaboración con outras entidades ou institucións. Realizarase un curso de xestión administrativa incluído no Programa Local de Apoio ao Emprego (PLAE), en colaboración co Concello de Santiago e o financiamento do Fondo Social Europeo. Tamén se fará formación sobre tecnoloxías da información, empregabilidade e habilidades sociais e inglés dentro do Programa Integral de Cualificación de Empleo (PICE), integrado no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil e financiado a través do Fondo Social Europeo, o Servicio Público de Empleo Estatal e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social.

En materia de emprendemento e creación de empresas, celebraranse dous programas de creación e consolidación de empresas da man da Fundación Incyde. E para unha formación superior, a Cámara albergará o Máster Profesional en Xestión Empresarial, en colaboración con Galicia Business School. E coa Escuela de Negocios Afundación, a Cámara colabora na celebración de catro máster entre setembro e decembro.