A Cámara de Comercio de Santiago fomenta a innovación nas empresas coa colaboración de centros de coñecemento como a USC

CoecementoO reto do programa é que as empresas asimilen que unha innovación estratéxica e unha transferencia do coñecemento orientada a resultados pode aumentar a súa competitividade

Jesús Asorey: “É unha nova marca das Cámaras de Comercio que fan da innovación o factor clave do éxito empresarial”


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela celebrou esta mañá unha xornada sobre innovación e transferencia de coñecemento para as empresas da súa demarcación cameral, programa coñecido como a Feira do Coñecemento. Este proxecto forma parte do Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento, que comezou a executarse este ano como unha nova liña estratéxica a seguir polas Cámaras de Comercio. Foi aprobado polo Fondo Social Europeo (FSE) e cofinanciado ademais, polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consejo Superior de Cámaras, así como polas diferentes Cámaras participantes.
A iniciativa pretende desenvolver unha dinámica de innovación estratéxica para as pemes que fundamente unha competitividade máis sólida e un crecemento máis sostible, a través dun modelo de transferencia orientado a resultados, pensado para a especificidade da pequena e mediana empresa.

Segundo o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, esta feira é unha nova marca das Cámaras de Comercio que incia a súa andadura nestes días co obxecto de favorecer a transmisión de coñecemento entre empresas e proveedores: universidades, centros de investigación e centros de formación profesional.

“A amenaza constante de mercados emerxentes con custos inferiores aos nosos impón a incorporación da tecnoloxía aos nosos procesos e produtos, facendo da innovación o factor clave do éxito empresarial” –indicou Asorey. Así, o presidente da Cámara explicou que coa xeración de novos conceptos de negocios, ao redor de tecnoloxías innovadoras, proporcionarase o grao de anticipación necesario para conseguir entrar en mercados altamente competitivos e crear riqueza e postos de traballo cualificados.

A consultoría de innovación e externalización Serviguide, representada polo xefe de Proxecto Área Innovación, Emilio Martínez Expósito, presentou un relatorio centrado nos diversos tipos de innovación e transferencia do coñecemento. Segundo Expósito, a Feira do Coñecemento pretende aportar ferramentas prácticas ás pemes para facilitarlles o seu propio camiño de innovación e transferencia, promovendo a relación cos centros de coñecemento, cunha filosofía orientada a resultados.

Pola súa parte, os representantes do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da USC, Eva Fabeiro e Pablo Gens, realizaron un percorrido polo trabajo e esforzo que a universidade fai neste campo. “A transferencia de coñecemento pode xurdir mediante unha xestión interna (persoal da propia empresa en laboratorio ou centro especializado), a colaboración baixo contrato (equipos de investigación externos como CPI e CT), en cooperación (con outros socios que complementen as súas capacidades) ou a través de convenios e contratos.

Ao final da mañá, expuxéronse dous casos de éxito, o Centro Tecnolóxico de Acuicultura (CTAG), da man do seu director, Santiago Cabaleiro; e Jealsa Escurís, co relatorio do seu director de I+D+i, Antonio Sartal.

Funcionamento do programa


Para axilizar o funcionamento do programa, as Cámaras crearon unha rede de gabinetes presenciais de innovación e transferencia, que dinamizan e identifican as empresas con vontade e capacidade para participar nos circuítos de transferencia.

Ademais, organizaranse tres tipos de xornadas: de sensibilización, para difundir entre as empresas e centros de coñecemento a importancia de consolidar a interrelación entre coñecemento e empresa; de intensificación, para mellorar a xestión de talento nas empresas; e de transferencia de coñecemento con reunións individuais, entre os provedores e os demandantes de coñecemento. Editarase unha guía metodolóxica e dos materiais necesarios para introducir unha sistemática homoxénea e común que outorgue continuidade ao proceso.

Finalmente, implantouse un sistema informático para que actúe de plataforma tecnolóxica (www.feriadelconocimiento.org) para casar ofertas e demandas entre proveedores e demandantes, complementado coa prestación de servizos de apoio e asesoramento (xurídico, económico, técnico, etc.) en materia de transferencia. Esta plataforma servirá de encontro entre aquelas empresas ou administracións que plantexen publicamente retos que desexan solucionar e aqueles que desde a súa tarefa de investigación lles poidan aportar estas solucións.