A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos proxectará as rutas de peregrinación a Santiago de Compostela máis alá do Ano Santo

asembleaAsí o decidiu na asemblea xeral que se celebrou hoxe na Cámara de Comercio de Astorga

A entidade está formada na actualidade por 40 Cámaras de Comercio, trala incorporación de Valladolid, Segovia, Madrid e Barcelona


A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos reuniuse hoxe na Cámara de Comercio de Astorga co obxecto de fixar diferentes liñas de traballo para 2011 e avaliar os labores efectuados ata o momento. Na reunión estiveron presentes  o presidente da Asociación de Cámaras e presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o presidente da Cámara de Comercio de Astorga, Juan Carlos Fernández; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal; o secretario adxunto, Fernando Barros; e en representación da Secretaría da Asociación, o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Francisco Moldes, e a secretaria xeral, Mª del Rosario Lorenzo; ademais dunha ampla representación do resto de membros.
O gran reto para 2011 é alcanzar unha proxección dos Camiños de Santiago tralo fin do Ano Xacobeo. Jesús Asorey manifestou que os camiños son un auténtico motor de dinamización económica para os municipios polos que transcorren. “Precisamos o apoio de todas as Comunidades Autónomas e do Goberno central para dotar aos camiños das infraestruturas máis axeitadas”.

Segundo a asociación, un dos propósitos é transformar o resto de rutas de peregrinación (Camiño Inglés, Portugués, do Norte, Primitivo, de Fisterra e Vía da Prata) ao igual que lle aconteceu ao Camiño Francés desde 1993. “As vilas de paso do camiño desde Roncesvalles á cidade do Apóstolo, moitas delas ata entón abandonadas, sufriron unha recuperación arquitectónica e económica”.

Durante a xuntanza acordáronse novas fórmulas de traballo e aprobouse a incorporación de catro novas cámaras: Valladolid, Segovia, Madrid e Barcelona, coas que  a asociación suma un total de 40 membros. Finalmente, convocouse para o mes de decembro a última asemblea do ano que se celebrará en Santiago.

Estreo en Astorga

Entre as actividades previstas para 2011 destaca a exposición “En Camino”, que se inaugurou onte xoves por primeira vez en Astorga. Esta exposición, instalada ata o 29 de outubro na sala de exposicións da Obra Social de Caja España, consta de 25 imaxes sobre diversas estampas dos camiños. A mostra forma parte do fondo audiovisual que a Asociación de Cámaras reuniu grazas á colaboración de todas as entidades camerais que conforman o organismo.