A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos inaugura mañá en Astorga unha exposición sobre as rutas de peregrinación a Compostela

BotafumeiroA mostra, “En Camino”, permanecerá aberta na sala da Obra Social de Caja España ata o 29 de outubro

A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos inaugura mañá xoves, 21 de outubro, en Astorga a exposición fotográfica “En Camino”, centrada nas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela. A mostra, instalada na sala da Obra Social de Caja España da cidade leonesa, inaugurarase ás 20:30 horas.

 

Á inauguración da mostra, aberta ata o 29 de outubro, asistirán o presidente da Cámara de Comercio de Astorga, Juan Carlos Fernández; o alcalde da cidade, Juan José Alonso Perandones; o presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal; o secretario adxunto, Fernando Barros; e en reprentación da Secretaría da Asociación, o presidente da Cámara de Comecio de Pontevedra, Francisco Moldes, e a secretaria xeral, Mª del Rosario Lorenzo; ademais dunha ampla representación das 36 cámaras que compoñen actualmente a asociación.

Esta exposición, composta por 25 imaxes dos Camiños de Santiago, forma parte do fondo audiovisual que a Asociación de Cámaras reuniu grazas á colaboración de todas as entidades camerais que conforman o organismo.

Aproveitando que a Cámara de Comercio de Astorga celebra este ano o centenario da súa fundación, a Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos celebra este venres-22 a súa reunión da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral Ordinaria. Nestas xuntanzas, os membros da asociación debaterán os próximos orzamentos e a entrada de catro novas cámaras que solicitaron a súa incorporación ao colectivo. Ao final da mañá celebrarase unha rolda de prensa nas instalacións camerais da cidade leonesa e unha recepción co alcalde do municipio.