A Cámara de Comercio de Santiago inicia o próximo luns catro cursos de formación sobre fiscalidade, sistemas de xestión da innovación, inglés e xestión de residuos

cursosImpartiranse en horario de tarde ata principios do mes de novembro

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela inaugura o próximo luns, 18 de outubro, catro accións formativas dirixidas a empresas da súa área cameral. Estes cursos, que se impartirán en horario de tarde nas instalacións camerais, versarán sobre a fiscalidade dirixida a pemes, sitemas de xestión da innovación, formación de inglés para conversa telefónica e cartas comerciais e xestión de residuos.
O primeiro dos cursos, Fiscalidade dirixida a pemes, ten como obxectivo que os alumnos reciban unha serie de coñecementos para ter un control a fondo das obrigas tributarias da súa empresa. Impartirase en horario de 20:00-22:00 horas ata o 29 de outubro.

Outro dos cursos, sistemas de xestión da innovación, está deseñado para que os alumnos dispoñan de técnicas para mellorar a competitividade das súas firmas empresarias e coñecer os procesos de I+D+i. Esta acción formativa, que se estenderá tamén ata finais de mes, está dirixida especialmente a empresarios e traballadores ocupados, ademais de persoas desempregadas que tivesen relación con algunha empresa da demarcación cameral desde xaneiro de 2009. Este curso está cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e pola Unión Europea (Fondo Social Europeo).

A terceira acción está destinada a aumentar os coñecementos de inglés específico para conversa telefónica e cartas comerciais. Mediante esta formación os alumnos aprenderán a compreder e producir oralmente mensaxes telefónicas ou cara a cara en inglés con nativos ou outras persoas de fala anglosaxona no ámbito laboral e comercial. Os alumnos terán a posibilidade de poñer en prácticas as expresións e vocabulario adquirido a través de diversas sesións prácticas onde se realizarán simulacións de chamadas telefónicas e de negociacións.

O último dos cursos tratará de formar ás empresas na xestión de residuos. Está destinado a traballadores da área de mantemento e produción das empresas de construción, para que dispoñan dos coñecementos básicos na xestión dos residuos xerados na demolición e nas obras. Este curso, que se impartirá ata o 9 de novembro de 19:30 a 22:00 horas, está cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e pola Unión Europea (Fondo Social Europeo).