A Asociación de Cámaras do Camiños Xacobeos cede ao Concello de Padrón unha antiga identificación peregrina atopada en Huesca


especulaÉ unha medalla de chumbo chamada espécula, de finais do século XII, que amosa o traslado dos restos do Apóstolo

Jesús Asorey animou á Administración e empresarios locais á xuntar esforzos para “mantener vivo el fenómeno universal de los Caminos de Santiago”


A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos e o Concello de Padrón celebraron esta mañá un acto na vila padronesa no que a Asociación xacobea cedeu ao Concello a primeira espécula galega, que foi atopada na provincia de Huesca. É unha medalla que se entregaba aos antigos peregrinos para acreditar o seu paso por un determinado lugar ou santuario no seu camiño a Santiago, tal como explica o historiador e etnógrafo aragonés Vicente Río no seu estudo Definición de la Ruta Jacobea en la provincia (en referencia a Huesca).
A espécula está formada por tres medallas de diferentes épocas que amosan o episodio da traslación dos restos do Apóstolo ata Iria Flavia polos seus discípulos Atanasio e Teodoro. As espéculas padronesas foron descubertas na provincia de Huesca: nos fondos antigos do Museo Provincial de Huesca (procedencia física descoñecida), na comarca de Somontano de Barbastro e nos Monegros.

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago e da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey, destacou que pola ruta portuguesa pasaron este ano máis de 23.000 peregrinos, “cifra que da idea de la vitalidad de esta ruta que, desde nuestra Asociación jacobea, queremos potenciar, preocupándonos por su señalización, protección y difusión. Por eso deseamos que la cesión de esta espécula sirva de estímulo a la Administración y empresarios de la zona para que, entre todos, podamos mantener vivo el fenómeno universal de los Caminos de Santiago”, indicou.

No acto estiveron, ademais de Jesús Asorey, o vicepresidente da Cámara de Pontevedra e representante da secretaría da Asociación, Antonio Gómez; o presidente da Cámara de Huesca, Francisco Manuel Moldes; o teniente alcalde e concelleiro de Cultura do Concello de Padrón, Eloy Rodríguez; representantes do Xacobeo da Xunta de Galicia; o representante da Cámara de Comercio de León e vicepresidente da Asociación, Antonio Sánchez Carro; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal; o secretario xeral adxunto da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros; a secretaria da Cámara de Comercio de Pontevedra, Mª del Rosario Lorenzo; representantes da Asociación Gallega del Camino de Santiago; o presidente da Asociación del Camino de Santiago de Huesca, Julio Aznar; o secretario da Cámara de Comercio de Huesca, Ricardo Oliván; o responsable de temas xacobeos da Cámara de Comercio de Huesca, Javier Abella; e o investigador do estudo, Vicente Río.

Segundo o estudo, as rutas a Compostela non estaban fixadas e os peregrinos camiñaban a través de varios itinerarios configurando eles mesmos os camiños. En canto á recuperación de espéculas na provincia de Huesca en 2009, cabe destacar a Espécula de Nuestra Señora de todos los Ángeles y la Cruz bordonaria de Secastilla, entre outros traballos. Grazas a estas investigación o goberno provincial e a Cámara de Comercio de Huesca crearon a Ruta da Espécula, que abrangue os lugares frecuentados polos peregrinos entre os séculos XII e XVII. Vicente Río indicou que coa reprodución da espécula de Santa María de Salas en 2007, os peregrinos solicitaron máis de 4.900 espéculas, o que “recoñece o éxito desta iniciativa xacobea”.

De chumbo con forma de capela


A espécula ten forma pentagonal, a partir da superposición dun triángulo e un rectángulo, o que lle confire a apariencia dunha pequena capela en posición vertical. Posúe unhas pequenas abrazadeiras para poder coselas á roupa ou ben unir unhas con outras e facer un colar. Está feita de chumbo e o seu tamaño oscila entre os 60 x 40 e os 40 x 30 mm. Algunhas espéculas están provistas dunhas cruceciñas, bolas ou unha torre central que sobresae na parte superior.