A Cámara de Comercio de Santiago asina un convenio coa Deputación da Coruña para impulsar actividades de formación e promoción de emprego

Convenio_diputacionRecibirá 100.000 euros para a difusión destas actuacións dentro da provincia ata marzo de 2011

Desenvolveranse actividades de formación e divulgación, publicidade ou visitas guiadas aos viveiros empresariais

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela asinou hoxe coa Deputación da Coruña un convenio de colaboración para a formación e promoción do emprego na provincia. Ao acto, celebrado na sede da Cámara compostelá, asistiron o presidente da mesma, Jesús Asorey, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. Ademais, estiveron presentes a secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal, e o seu adxunto, Fernando Barros.

 

Con este convenio, ambas institucións buscan a promoción de actuacións que contribúan ao fomento e desenvolvemento da sociedade e do territorio nas comarcas nas que desenvolve a súa actividade a Cámara de Santiago. Seguindo esta premisa, faise necesaria unha axeitada formación da poboación, para o que se precisa a posta en marcha de programas formativos que de forma sistemática promovan a adaptación e a mellora dos coñecementos dos diferentes axentes económicos.

 

Deste xeito, a Deputación da Coruña pon a disposición da Cámara un orzamento de 100.000 euros, destinado a actividades de formación, xornadas divulgativas, publicidade nos medios, visitas guiadas aos viveiros empresariais e outras actuacións de promoción de emprego entre a sociedade. O convenio, enmarcado dentro do proxecto formativo da entidade cameral en 2010, estará vixente ata o 30 de marzo de 2011.

Fernández Moreda destacou a importancia da posta en marcha destes programas que promoven a formación e fomentan a creación dunha cultura emprendedora e a súa posterior xeración de emprego na provincia. “A Deputación colaborou na creación dos tres viveiros da provincia, o viveiro de empresas de Ferrol, o da Cámara de Comercio da Coruña na súa antena de Carballo e o viveiro de Santiago” –explicou Moreda.

 

Pola súa parte, Asorey quixo agradecer o apoio recibido desde a Deputación para a realización e desenvolvemento de numerosas actividades e iniciativas de apoio aos empresarios e emprendedores da cidade.  “A Deputación colabora continuamente na formación dos emprendedores do noso viveiro de empresas, que desde a súa creación fai catro anos acolleu a  32 empresas, das que só morreron dúas” –indicou o presidente cameral.