A Cámara de Comercio de Santiago e Caixanova informan aos emprendedores composteláns sobre as posibilidades de financiación que oferta a caixa galega


xornada_caixanovaHai préstamos sociais para a creación de novas empresas e axudas para desempregados

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Caixanova ofreceron hoxe no viveiro de empresas de Costa Vella unha xornada divulgativa sobre os préstamos sociais a emprendedores e o ‘Plan + polo Emprego’  da caixa galega. A xornada, de carácter gratuíto, foi impartida polo director do Instituto de Desarrollo de Caixanova, José Lino Comesaña; unha técnico do Instituto, Carlota Sánchez-Montaña; e o director de Zona Santiago-Barbanza da entidade, Gerardo Fuertes. Tamén asistiron a secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal, e o secretario xeral adxunto, Fernando Barros.
Durante o relatorio expoñeuse a nova campaña de Caixanova, composta por dúas liñas de actuación. En primeiro lugar, a caixa galega oferta unha liña de axuda para emprendedores. Así, as persoas interesadas en poñer en marcha o seu propio negocio poderán acceder a unha nova gama de préstamos sociais. A iniciativa está impulsada polo Instituto de Desarrollo, enmarcado dentro da Obra Social da caixa galega e contribúe a reforzar o tecido produtivo grazas a un préstamo a devolver de maneira flexible e ata en oito anos, coa posibilidade de carencia de amortización nos primeiros doce meses.

Este produto está especialmente dirixido a autónomos e microempresas de todos os sectores ou actividades empresariais que desexen poñer en marcha un proxecto ou necesiten financiación para un negocio de recente creación. A principal novidade dos préstamos sociais da entidade galega radica na cuantía financiada máxima, que pode chegar a 36.000 euros.

A outra iniciativa é o ‘Plan + polo Emprego’ que inclúe un liña de axuda a desempregados (‘Conta + polo Emprego’) con descontos, refinanciacións de débeda, préstamos persoais para estudos…, e ademais, un plan de axudas a pemes, comercio e autónomos para fomentar a creación de emprego. Así, as pequenas e medianas empresas poden obter ata 30.000 euros de financiación sen intereses e sen comisións durante o primeiro ano.