A Cámara de Comercio entrega 50 diplomas aos participantes en programas de creación de empresas e emprendedores no comercio

Entrega diplomas INCYDEA Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrou esta mañá un acto no seu viveiro empresarial, no que se entregaron os diplomas aos 50 participantes en tres cursos. Trátase de 2 PROGRAMAS DE CREACIÓN e CONSOLIDACIÓN DE EMPRESAS, organizados en colaboración coa Fundación INCYDE (Instituto Cameral de Creación y desarrollo de la Empresa), que contaron con financiamento do Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo; e de 1 PROGRAMA de FORMACIÓN de EMPRENDEDORES no COMERCIO, impartido pola Fundación INCYDE e que contou con financiamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Deputación Provincial de A Coruña.

O acto estivo presidido polo titular da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, o director xeral da Fundación INCYDE, Ángel Colomina, o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, e Filomena Casal, secretaria xeral da Cámara compostelá. Tamén asistiron Fernando Barros, secretario xeral adxunto da Cámara de Comercio de Santiago, así como Rosa Cardeso, responsable do viveiro cameral. Igualmente estiveron presentes Juan Cabrera, director financeiro, Óscar Fraile, director de proxectos Formación de Emprendedores no Comercio, e Pedro Verdasco, director de proxectos Programa de Creación e Consolidación de Empresas, os tres da Fundación INCYDE.

As actividades económicas que desenvolven ou queren desenvolver os participantes teñen que ver con comercios (música, roupa, lambetadas), hostalaría, alimentación, consultorías, turismo, enerxías renovables, transportes, construción, publicidade e comunicación, importación-exportación, mobles, perruquería, deseño, clínica estética e un criadeiro de animais. No transcurso do acto, Margarita Murillo García presentou o seu proxecto empresarial de servizos de protocolo e secretariado.

Na súa intervención, Asorey recoñeceu o gran labor que desempeñou o viveiro de empresas desde a súa creación en 2006, cun cómputo total de 27 empresas das que só desapareceron tres nestes catro anos de traxectoria viveirista (en cambio a mortalidade empresarial en España nos dous primeiros anos de vida aumentou un 50 por cento). Na actualidade, o viveiro conta con 28 empresas, 14 con ubicación física e outras tantas de xeito virtual. Asorey destacou que todo este éxito en emprendemento verase proximamente respaldado por unha ampliación da incubadora empresarial.

O presidente cameral animou aos participantes nestes programas de formación a ter éxito “con tesón e as ferramentas axeitadas”, e expresou a vontade da Cámara a “perfeccionar” e poñer a disposición de profesionais, emprendedores e empresarios “os mellores servizos e instrumentos”.

Pola súa parte, Ángel Colomina, destacou a ampla participación feminina nos programas de formación, cun 50 por cento de mulleres emprendedoras. Ademais, Andrés Hermida quixo destacar o bo funcionamento do convenio de colaboración existente entre a Fundación INCYDE e a Consellería de Traballo, e insistiu na necesidade de potenciar o emprego autónomo como saída á crise económica.

Finalmente, Salvador Fernández Moreda incidiu na necesidade de potenciar o emprendemento para xerar emprego, diñeiro e riqueza. O presidente da Deputación exemplificou o seu discurso cunha cita do premio Nobel de Economía Robert Solow (1987), que aseguraba que a riqueza depende do capital humano [sendo o incremento da desigualdade social un efecto lateral do crecemento económico, é mediante un gran énfase na inversión en capital humano que pode contrarrestarse ese efecto non desexado e compatibilizar un rápido incremento da produtividade con doses crecentes de equidade]. Fernández Moreda asegurou que na formación está “o futuro das empresas” e para 2010 a Deputación da Coruña seguirá mantendo as partidas presupostarias destinadas ás Cámaras de Comercio da provincia.