A Cámara de Comercio de Santiago e Caixanova asinan dous convenios para impulsar accións empresariais e xacobeas

ConveniosCaixanovaO acordo terá vixencia ata finais de 2010

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Caixanova asinaron esta mañá na sede cameral dous convenios de colaboración, un destinado a impulsar os sectores produtivos da comarca compostelá, e outro a fomentar as actividades da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, que preside dita Cámara. No acto estiveron presentes Jesús Asorey, titular da Cámara de Comercio; Filomena Casal, secretaria xeral; e Fernando Barros, secretario xeral adxunto; mentres que por parte de Caixanova asistiu o director de zona de Santiago e Barbanza, Gerardo Fuertes.
En virtude do convenio coa Cámara de Santiago, Caixanova aportará fondos da súa Obra Social para o apoio de actividades e proxectos promovidos pola Cámara de Comercio de Santiago ata finais de 2010. Daráselle prioridade a impulsar a capacidade exportadora das empresas e a implantación de normas de acreditación internacional. Por outro lado, búscase o fomento de proxectos de carácter ambiental nas empresas.

O acordo entre os dous organismos prestaralle unha especial atención ao acompañamento e titorización dos proxectos emprendedores que xordan na comarca, tanto na súa fase de iniciación como no seu período de desenvolvemento no viveiro empresarial da Cármara compostelá. Ademais, promoveranse actividades de carácter formativo e divulgativo que incidan de xeito directo na competitividade das empresas, en colaboración coa Escola de Negocios Caixanova.

En canto ao convenio coa Asociación de Cámaras dos Camiños de Santiago, Caixanova aportará fondos para axudar especificamente ao desenvolvemento e xestión de actuacións de apoio aos proxectos empresariais, así como para a posta en marcha de estudos, conferencias, seminarios, congresos, exposicións e programas formativos, especialmente destinados a emprendedores.

Asorey destacou que en tempos de crise son aínda máis necesarias accións deste tipo. “Trátanse dun convenio en prol das empresas do Camiño de Santiago, e doutro en investimento para a formación dos empresarios e emprendedores da Cámara de Comercio de Santiago”. Ademais, o presidente engadiu que nesta liña de traballo está a actuar a entidade cameral a través da súa incubadora empresarial, convertíndose en pioneira do emprendemento cun importante número de viveiristas que aumentará grazas á construción dun novo viveiro. “Desde o seu nacemento en 2006 só morreron dúas empresas aloxadas no viveiro”.

Pola súa parte, Gerardo Fuertes  explicou que a Obra Social de Caixanova leva máis de dous anos adaptándose á situación económica actual e  reconducindo as súas liñas de actuación. Fuertes tamén incidiu na relación de lonxe que a entidade crediticia mantén coa Cámara, “un axente dinamizador do tecido empresarial de Santiago e Barbanza co que colaboramos en temas de formación e en actividades común” –indicou. Ademais, Fuertes anunciou que este xoves, 16 de setembro, celebrarase unha xornada formativa de Caixanova no viveiro de empresas de Costa Vella, ás 13:00 horas. Trátase dunha xornada de divulgación para emprendedores e empresas, onde se reforza o apoio a desempregados e ás empresas que fomentan o emprego.