A Cámara de Comercio insta á Xunta de Galicia a manter os Camiños de Santiago como marca turística de Galicia

Camino_Santiago_-_seal_1Valora positivamente o anuncio da Secretaría Xeral de Turismo de continuar a promoción máis alá do ano xacobeo

Afirma que a cidade de Santiago debe “redefinir” a súa política en materia turística

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela amosa a súa satisfacción polo anuncio da Xunta de Galicia de crear unha marca turística máis alá do ano xacobeo, pero sinala que a marca “xa a temos: É o Camiño de Santiago e todos os seus camiños, que son coñecidos mundialmente”. O seu presidente, Jesús Asorey, advirte que calquera outra marca levaría moitos anos dala a coñecer e, sobre todo, consolidala. Asorey teima en que é esencial continuar coa promocíón logo deste ano santo, “para aproveitar o tirón”.

A institución compostelá, que ademais lidera a Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos –de proxección internacional–, indica que os Camiños perduran no tempo e só mudan coas estacións: “Aínda que a Porta Santa estea pechada, todos os seus elementos de espiritualidade, cultura, paisaxe, arquitectura e gastronomía permanecen sen interrupción”. Asorey subliña que, cada vez, hai máis libros e espazos nos medios de comunicación do mundo dedicados ao Camiño de Santiago; e engade que as asociacións de amigos proliferan, ademais de faceren unha promoción constante, “unha potente rede activa que debemos rendibilizar”, segundo apostila.

A institución santiaguesa entende que a promoción de Galicia ten que liderala a Administración autonómica, pero sinala que debe escoitar ás asociacións sectoriais e aos axentes implicados, “sempre para sumar ante un obxectivo común”, precisa. A Cámara congratúlase de que o Camiño batise xa todos os récords, “argumentos rotundos, en definitiva, para seguir apostando por esta liña de promoción turística de toda a comunidade”, segundo afirma.

A Cámara sostén que este ano xubilar colleron pulo a Vía da Prata e o Camiño Portugués, polo que insta ás Administracións a dotar estes itinerarios de infraestruturas e servizos axeitados, “non só nos tramos galegos”, polo que anima á Xunta de Galicia a que tome a iniciativa con outras autonomías. Por outra parte, considera un acerto que se cobre nos albergues “como forma de darlle valor” á ruta.

Santiago e Lavacolla

A Cámara de Comercio sostén que Santiago debe “pensar e recapacitar” sobre que quere facer co turismo na cidade: “Ten que redefinir a súa política turística, pensar noutras alternativas de promoción da urbe, con eventos estables, a conversión da feira de gando de Amio nun recinto feiral e a ampliación do Palacio de Congresos”. O seu presidente avoga, igualmente, por recuperar foros internacionais como o que se celebrou hai uns anos sobre Medicina, “e mesmo crear outros desa natureza”. Ten que haber un antes e un despois do 2010 en materia turística en Santiago, segundo afirma Asorey.

En canto ao novo aeroporto de Lavacolla, a Cámara expresa o seu agrado pola marcha das obras, “que levan bo ritmo nestes momentos de restricción”; e engade que, se están acabadas en marzo como se anunciou, “redundará no desenvolvemento turístico de toda Galicia”. “Vemos tamén que volven compañías a Lavacolla como Air Europa, así como a nova programación de vóos de Ryanair –que inclúe Reus-Barcelona–, signo de que a nosa terminal é de interese para os operadores”, segundo declara Asorey.