O Programa de Apoio Empresarial á Muller conseguiu crear 43 novos postos de traballo durante 2009

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela leva catorce anos traballando co Programa de Apoio Empresarial á Muller (PAEM), que está dando uns resultados cada vez máis significativos e positivos. O PAEM ten como obxectivo erradicar os obstáculos que atopa a muller para acceder e consolidarse no mercado laboral, a través das fórmulas do autoemprego e a iniciativa empresarial como instrumento eficaz para a creación e consolidación de empresas lideradas por mulleres.

Durante 2009 deuse cobertura a un total de 159 mulleres, realizáronse 183 consultas de asesoramento e creáronse 43 novas empresas. Neste último ano o PAEM conseguiu crear 84 novos proxectos, dos cales 43 finalizaron como empresa aberta  xerando 43 novos postos asalariados (16 integrados por homes e 27 por mulleres).

Dentro das actividades empresariais, o sector maioritario é o de servizos, onde se agrupan 24 empresas (agrícolas e gandeiros, servizos prestados a empresas, persoais, sanidade, veterinarios, recreativos, culturais, de espectáculo e organización de congresos, seguros e educación e investigación.

O perfil das usuarias é de mulleres maiores de 25 anos (entre 25-45 anos), con estudos (secundarios e universitarios), desempregadas e con experiencia no sector no que pretenden emprender. As súas motivacións principais para decidirse a emprender son económicas, de autonomía persoal e a saída a unha situación de desemprego prolongada no tempo. “As novas emprendedoras intentan crear o seu propio posto de traballo tras un período infructuoso de busca de emprego por conta allea– indican desde a Cámara.

Segundo os datos analizados nun informe de peche de ano, das 159 novas usuarias 143 foron emprendedoras con ideas ou proxecto de negocio –case un 90% do total–, mentres que só 10 se corresponderon con mulleres con empresa xa constituída. Estes datos determinan que a gran maioría das demandas de asesoramento realizadas foi solicitada por emprendedoras (un total de 173) fronte ás 10 realizadas por empresarias.

As preguntas máis frecuentes plantexadas por emprendedoras céntranse na consulta de axudas e subvencións públicas; as empresarias tamén demandan consultas sobre axudas, e sobre formación, xestión empresarial e información de mercados. Outra das demandas de asesoramento que cada vez está alcanzando máis pulo é a cooperación internacional sobre know-how, financiación, comercial e tecnolóxica.

Pero no ano 2009, os responsables da Cámara de Comercio de Santiago apreciaron un descenso xeneralizado respecto a anos precedentes tanto no número de usuarias como no de demandas de asesoramentos e empresas creadas. “A actual coxuntura económica marcada por unha importante crise económica e financeira influíu notablemente na caída dos datos contabilizados respecto a 2008” –indican desde a Cámara compostelá.

Así, a Cámara considera que este programa, promovido polo Consello Superior de Cámaras de Comercio e o Instituto da Muller e co apoio do Fondo Social Europeo, está xa “solidamente instalado” na estrutura de técnicos de creación de empresas de Galicia. Ademais, o PAEM é un dos escasos programas en Galicia que diversifica a súa atención entre emprendedoras e empresarias.

Santiago de Compostela destaca por contar cun gran número de personas contratadas nestas empresas creadas a través do PAEM

En relación á xeración de emprego, Santiago de Compostela, xunto a Barcelona e Zaragoza, destaca por ser, de entre todas as cidades españolas, a que conta cun maior número de personas contratadas nestas empresas de recente creación a través do PAEM. Así, a Cámara de Comercio de Santiago é a terceira en España entre as 50 participantes no PAEM que mellores resultados tivo a nivel nacional. O PAEM conta cun servizo de información e asesoramento empresarial a través da páxina web www.e-empresarias.net.