O índice de confianza dos empresarios do Barbanza aumenta de forma significativa ata acadar cifras positivas

A debilidade da demanda é o factor que máis limita o crecemento da confianza empresarial

Son datos que aparecen recollidos no Indicador de Confianza Empresarial do 2º trimestre de 2010, presentado hoxe no Concello de Boiro e elaborado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela


A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, desde a súa Antena Local de Boiro, presentou esta mañá no Concello boirense o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza cos resultados do segundo trimestre e expectativas para o terceiro trimestre de 2010. No acto estiveron presentes o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; o alcalde de Boiro, Xosé Deira; a concelleira de Economía, Dores Torrado; e a secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal.

O ICE correspondente ao segundo trimestre presenta por primeira vez desde 2009 un dato de carácter positivo, o que mostra unha gran melloría, tendo en conta a traxectoria que segue este índice desde o comezo da súa elaboración. Así, o ICE increméntase en 6,34 puntos con respecto ao valor do trimestre pasado, situándose en 0,28, dato que supera calquera dos obtidos no exercicio anterior.

O índice de situación mantense en valores negativos, aínda que se recupera de maneira significativa respecto ao primeiro trimestre. Polo contrario, o índice de expectativas para o próximo trimestre continúa medrando, situándose en un valor de 6,6 puntos.

A continuación exponse un desglose por situación e expectativas:

- Índice de Situación:  -6 (-15 no período anterior)
- Índice de Expectativas:  6,6 (1,7 no período anterior)

Por sectores, a hostalería é a que mellor comportamento presenta en relación ás cifras obtidas noutros períodos. Con un indicador de situación positivo (8,1 puntos) e cunhas grandes expectativas que se sitúan en 32 puntos, queda patente, unha vez máis, a estacionalidade do sector. O sector da construción continúa aportando a cifra máis negativa, situándose en -18 puntos o seu índice de situación, porén as expectativas melloran con respecto a anteriores trimestres. A industria presenta unha evolución semellar ao da construción.

En canto ao índice de situación danse valores moi variados dependendo do sector. De forma xeral, prodúcese unha subida do índice de situación en todos os sectores: industria, construción, comercio, hostalería e outros servizos. Non sucede o mesmo co indicador de expectativas que descende no sector da construción e da industria pero mantén a súa tendencia á alza nos demais. Así, no comercio tamén se produce unha notable subida no índice de expectativa que pasa do 0,7 do trimestre anterior a 8,2 puntos neste exercicio.

O descenso tanto no índice de situación como nas expectativas nalgún dos sectores sinalados indica que hai unha serie de factores que limitan a actividade económica. Segundo este informe, a debilidade da demanda segue sendo a variable que mostra un comportamento máis negativo e a que contribuíu en maior medida a que o ICE retrocedese. As dificultades de financiamento continúan sendo un factor limitativo relevante na construción, superado polo aumento da competencia, sinalado polo 43% dos enquisados neste sector.

Para o 57,3% dos empresarios do Barbanza a debilidade da demanda foi o factor que máis limitou a actividade empresarial, seguido doutras causas como o aumento da competencia, as dificultades de financiamento ou outras factores como a crise ou o elevado número de desemprego. A comparación entre o ICE-Barbanza (0,28) e o ICE-España (-14,8) para o segundo trimestre revela un resultado claramente máis positivo para a zona barbanzá que volve a presentar cifras positivas.

O ICE faise sobre a base de enquisas realizadas a máis de catrocentas empresas (494 para este período analizado) dos concellos de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son. Analiza trimestralmente as perspectivas das empresas da comarca do Barbanza sobre a cifra de negocio, emprego, prezos inversión e exportacións.

Úsanse dous baremos xerais: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Tanto o de Situación como o de Expectativas varían entre -100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade. Segundo o presidente da Cámara de Comercio trátase dun documento de gran utilidade para empresarios, Administración e a propia sociedade, con información rigorosa e relevante que analiza a situación e a evolución económica da comarca.

O programa Antenas está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Boiro.