Gómez Navarro ofrecerá unha conferencia sobre as claves da economía na sede da Cámara de Comercio de Santiago o vindeiro venres-22

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela acollerá unha conferencia de Javier Gómez Navarro, presidente do Consello Superior de Cámaras, o vindeiro venres-22, ás 19 horas, na súa sede compostelá da rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo (Teféfono: 981 59 68 00). Javier Gómez-Navarro (Madrid, 1945), é o presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio dende o 10 de febreiro de 2005; é licenciado en Enxeñaría Química Industrial e foi ministro de Comercio e Turismo entre 1993 e 1996, en cuxa etapa se aprobou a Lei de Comercio de 1996.

Gómez Navarro dará unha conferencia, patrocinada por Caixanova, na que debullará as claves da actual conxuntura económica. A Cámara compostelá cursou invitación aos principais organismos oficiais (Concello e Universidade de Santiago, Consellería de Economía e Industria, Deputación da Coruña, entre outros), colexios profesionais, asociacións empresariais e uns douscentos empresarios, así como a medios de comunicación e ás súas cámaras irmás de Galicia.

O Consello Superior de Cámaras de España elaborou e publicou, hai dous anos, un Informe con opinións e suxestións en quince ámbitos que consideraban fundamentais para a competitividade das empresas, “como firme compromiso das Cámaras de Comercio a exercer activamente a función consultiva que se lles asigna na Lei en defensa dos intereses xerais da economía”, onde primaban a importancia da innovación, o emprendemento, as facilidades para obter financiamento, as políticas enerxéticas e medioambientais, infraestruturas e o reaxuste na estrutura productiva do país, entre outros aspectos destacados.

A PROMOCIÓN DO XACOBEO 2010: xuntanzas hoxe co grupo municipal popular e mañá co Colexio de Economistas

A Cámara de Comercio de Santiago, que xa manifestou rotundamente o seu “malestar profundo” pola orientación e mensaxes de promoción do Xacobeo 2010, en canto que se eluden os nomes da cidade e o Camiño de Santiago, solicitou unha entrevista co grupo municipal popular, que se celebrará esta tarde (20 horas) na sede cameral.

Na súa intención de pulsar e contrastar opinións cos principais colectivos empresariais, profesionais e políticos, os directivos da Cámara recibirán mañá martes-19, tamén ás 20 horas, aos representantes do Colexio de Economistas para tratar o mesmo tema.