Entregan o premio “Camiño do emprendemento” a tres novas empresas de Santiago, Neukos Robotics, Publitools e Seoafeira

Recibiron unha bolsa de alonxamento dun ano no viveiro de Costa Vella e formación e asesoramento gratuítos sobre creación e consolidación de empresas

Jesús Asorey:

“A convivencia empresarial é un factor engadido e o viveiro un lugar idóneo para compartir experiencias”

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Novagalicia Banco entregaron hoxe os premios da primeira edición do certame “Camiño do Emprendemento 2013”. No acto, que se celebrou na sala de xuntas da Cámara de Comercio, participaron o presidente da entidade cameral, Jesús Asorey, o director de Zona Santiago Norte Novagalicia Banco, Jesús Soto, o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros, e a responsable do viveiro de empresas, Rosa Cardeso, que fixeron entrega das distinción. Recibiron o premio tres emprendedores da área de Santiago, as empresas Neukos Robotics, Publitools Consulting Group e Seoafeira. Consiste nunha bolsa económica que cubre o 50 por cento dos gastos da estancia durante un ano no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella.

Robótica infantil e publicidade e comunicación web

Neukos Robotics centra a súa actividade comercial na robótica educativa. O seu principal responsable, Marcos Alonso, indicou que o obxectivo é fabricar un xoguete infantil onde os máis pequenos terán que seguir unhas instrucións para converter un kit de montaxe nun robot para descubrir “as leis físicas do movemento”. O xurado valorou o seu carácter innovador e o grao de proxección nacional e internacional do proxecto. O seu premio consiste nunha bolsa económica valorada en 1.378 euros.

Publitools Consulting Gruop é unha empresa xa constituída que ofrece servizos integrais en Internet de publicidade e comunicación, tales como a xestión de marca, deseño e creación web, community management e diseño gráfico. O seu director de Márketing e Comunicación, Denís Gasamáns, explica que se dirixen a pemes de nova creación para desenvolver a súa imaxe publicitaria en Internet. A empresa está composta por dous socios principais e conta con outros colaboradores de entre 25 e 28 anos. A empresa recibirá a metade da bolsa económica do premio.

Seoafeira é un proxecto empresarial centrado no posicionamento e deseño web, traballo en redes sociais e comunicación web 2.0 e redes sociais. O seu responsable, Sergio Ramírez, recibirá a metade da bolsa económica do premio.

Durante ese período, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e loxística, recibirán servizos de asesoramento empresarial para mellorar as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. Poderán tamén participar en actividades de dinamización e networking organizadas pola entidade cameral.

Os gañadores obterán unha praza para participar no programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego “Emprende en Positivo”, organizado pola Cámara de Comercio en colaboración coa Fundación Incyde. Os emprendedores poderán asistir a 320 horas de consultoría individual e adaptada ás necesidades do seu proxecto, para obter unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar mellor as oportunidades de mercado e desenvolver un plan de viabilidade coa axuda das ferramentas de xestión máis indicadas. Unha vez realicen este programa, os proxectos viables poderán realizar as súas consultas co persoal especializado do Servizo de Asesoramento da Cámara de Comercio, a través do propio viveiro de empresas.

Jesús Asorey comentou que se trata dunha pequena axuda ou “gran de area” para poñer en marcha os proxectos empresariais. Destacou que os emprendedores que se instalen terán a súa disposición os servizos da Cámara e do viveiro de empresas, nun entorno onde a convivencia empresarial entre emprendedores é un “factor engadido e un lugar idóneo para compartir experiencias”.

Pola súa parte, Jesús Soto animou aos gañadores a seguir o “duro pero bonito camiño do emprendemento”, para sacar adiante os seus produtos innovadores. Animounos a colaborar entre eles, aproveitando as sinerxías. “Esta bolsa é un pequeno empuxón para animar o voso impulso emprendedor” –indicou Soto–.

Innovación, investimento, proxección e creación de emprego

Esta distinción creouse coa finalidade de promover iniciativas empresarias e destacar a importancia que ten a creación de empresas para a reactivación da economía e o emprego. Podían optar ao premio emprendedores da demarcación cameral de Santiago. Tiñan que ser emprendedores cunha empresa constituída cunha antigüidade non superior a dous anos ou empresas en fase de maduración, cun compromiso dun máximo de seis meses para a súa constitución. Como condición, as bases do concurso apuntaban que os proxectos non deberon de ser obxecto de incubación no viveiro de empresas da Cámara de Comercio por un período superior a tres meses. O xurado tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes. Os membros do xurado analizaron os proxectos presentados e mantiveron unha entrevista persoal cos candidatos.