A Cámara de Comercio de Santiago organizou hoxe unha xornada sobre as garantías e cartas de crédito standby no comercio exterior

Balbin
A nova normativa sobre garantías da Cámara de Comercio Internacional comezará a executarse a partir do vindeiro xoves, 1 de xullo


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela ofreceu hoxe unha xornada sobre Garantías Internacionais a Primeiro Requerimento: Novas Normas - As URDG 758, impartida polo director de Comercio Exterior e coordinador Territorial Galicia e Castela do Banco Sabadell, Javier Balbín. Na apertura da xornada o relator estivo acompañado pola secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal, e o secretario adxunto, Fernando Barros.
Nesta xornada presentáronse as novas Regras Uniformes relativas ás “Garantías a primeiro requerimento” (URDG 758 da Cámara de Comercio Internacional -CCI), que se aplicarán a partir do próximo xoves, 1 de xullo. O uso das garantías e cartas de crédito standby no negocio internacional viuse fortemente reforzado ante a necesidade de obter seguridade (xurídica, económica e operativa) respecto á solvencia, integridade ou fiabilidade comercial do contratante, sexa cliente ou provedor.

Durante as dúas horas de relatorio tratáronse diversos aspectos como as promesas de pago bancarias no comercio internacional, as garantías independentes e as cartas de crédito standby ou os diversos tipos de normas para garantías (URDG, ISP e UCP).

Segundo Balbín, a garantía bancaria e o standby son promesas de carácter independente, feitas por un banco, de pagar a un terceiro, a súa simple reclamación, unha suma determinada polo incumprimento dunha obriga, entre outras, as de:
-         entrega de mercancía ou prestación de servizo,
-         mantemento posventa,
-         devolución dun pago anticipado,
-         pago dunha débeda vencida.

A seguridade xurídica, económica e operativa das partes nunha garantía (ordenante ou beneficiario) reside de forma determinante nas condicións establecidas na propia garantía. Desta forma, resulta fundamental a suxeición de toda garantía a normas recoñecidas e de aceptación universal.