A Cámara de Comercio de Santiago considera insuficiente o financiamento por aportacións voluntarias e servizos que contempla o anteproxecto de Lei para cumprir coas súas funcións públicas

cmarasO documento que recolle as alegacións das cámaras españolas foi aprobado polo Consejo Superior e será remitido ao Ministerio de Economía

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela recolleu unha serie de alegacións sobre o Anteproxecto de Lei Básica de Cámaras de Comercio, Industria y Navegación de España que fixo chegar ao Consello Galego de Cámaras. Este documento foi remitido, á súa vez, ao Consejo Superior de Cámaras, que xunto con todas as observacións das entidades camerais españolas, compuxo un infome único que se aprobou onte e se enviará nos próximos días ao Ministerio de Economía y Competitividad.

As principais observacións que se contemplan no documento refírense ao financiamento. O anteproxecto indica expresamente, que “las funciones públicas no pueden ponerse en riesgo” e, por esta razón, a lei procede a establecer un sistema de adscrición ás Cámaras de Comercio, sinalando que “sin que de ello se derive obligación económica alguna”. O anteproxecto resolve tamén que as Cámaras son institucións fundamentais para a vida económica do Estado, polo que se debe garantir a súa sostibilidade económica no actual contexto económico, de aí que nesta lei –agrega– se instaure un sistema de ingresos baseado nos servizos que presten as Cámaras e en aportacións voluntarias de empresas ou entidades.

A Cámara de Comercio de Santiago apunta que é imprescindible que se recoñeza a asignación dos recursos económicos mínimos e suficientes, necesarios para a prestación das súas funcións. Considérase que deixar a execución destas funcións públicas esenciais ao arbitrio do volume de ingresos das aportacións voluntarias non serviría como garante da prestación destas funcións. “Existe unha discrepancia entre o mandato de obrigas e funcións que o anteproxecto contempla e a ausencia de recursos destinados a sufraxiar os seus custos asociados, polo que non quedaría outro remedio que imputalos aos cobros por servizos” –explica a Cámara de Comercio de Santiago–. Ademais, a entidade compostelá considera necesario un tratamento fiscal especial das aportacións voluntarias, con deduccións explícitas, co fin de incentivar a contribución e participación empresarial.

Neste documento de alegacións, a Cámara de Comercio entende como insuficientes as colaboracións público-privadas entre Administracións e Cámaras a través de convenios. Precisaríase a intervención doutros instrumentos xurídicos como as encomendas de xestión, delegacións de funcións ou contratos-programa. Ademais, proponse que a lei consolide o papel das Cámaras de Comercio como xestores dos Fondos da Unión Europea dirixidos á mellora da competitividade das empresas.

En canto a cuestións de gobernanza, a Cámara de Comercio de Santiago expón que a pedra angular das Cámaras é a lexitimidade dunha representación de interese xeral, onde radica a súa base democrática, cun plenario equilibrado dos representantes do tecido empresarial de cada demarcación territorial acadada mediante un procedemento equitativo, amplo e transparente de elección por sufraxio libre, igual, directo e secreto.

Finalmente, a Cámara de Comercio de Santiago destaca unha obxección ao anteproxecto de lei en relación ao ámbito territorial, onde considera preciso a existencia dunha estrutura capilar das Cámaras para achegarse ás pequenas e medianas empresas.