Empresas de maquinaria conserveira, conxelados, viños e mobles viaxan a Turquía en misión comercial

estambulFernando Pérez-Soba, técnico de internacionalización:

“A balanza comercial de Galicia con Turquía é equilibrada, onde os bens de tecnoloxía industrial e moda son os principais produtos galegos exportados”

Esta acción de internacionalización está programada para os próximos días no marco do Plan Foexga

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela organiza os  próximos días (do 26 ao 31 de maio) unha misión comercial directa a Turquía na que viaxarán seis empresas galegas dos sectores da maquinaria conserveira, conxelados, viños e mobles. Esta misión comercial enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia coa participación de todas as Cámaras galegas a través de Fondos Feder.

O técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Pérez-Soba, acompañará ás empresas galegas nesta misión comercial, aproveitando o recentemente establecido servizo de Turkish Airlines con conexión directa entre Santiago de Compostela e Estambul.

Segundo explica Pérez-Soba, Turquía é un mercado estratéxico primordial, cunha poboación que ronda os 75 millóns de habitantes e unha ampla porcentaxe xuvenil (50 por cento menor de 25 anos). “A balanza comercial de Galicia con Turquía é equilibrada, onde os bens de tecnoloxía industrial e moda son os principais produtos galegos exportados” –indicou Pérez-Soba–.

Os investimentos crecentes de España neste país, xunto cos seus datos de crecemento positivo, a estabilidade dos prezos, un bo financiamento da débeda, a acometida de proxectos de infraestruturas –como a construción do terceiro aeroporto de Estambul, que se converterá nun dos máis grandes do mundo– axudan a ter en conta o mercado turco para a estratexia comercial galega.