A Cámara de Comercio e a Consellería de Traballo ofrecerán formación ás empresas de Santiago para mellorar as súas oportunidades de negocio

matoAs beneficiarias serán micropemes de sectores tradicionais, con máis de cincos ano de antigüidade e plantillas dun máximo de dez empregados

O protocolo de colaboración establécese a través do programa “Adaptabilidade e Emprego” da Fundación Incyde, financiado polo Fondo Social Europeo

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela asinou hoxe un protocolo de colaboración coa Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (Fundación Incyde) e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para realizar un programa de acción para a mellora de empresas en situación de crise. A sinatura, que se celebrou nas dependencias da área de Traballo en San Lázaro, estivo encabezada polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, e o director da Fundación Incyde, Javier Collado.

Jesús Asorey destacou que as empresas de Santiago e a súa área de influencia, que constitúen actualmente a estrutura troncal do tecido empresarial, precisan todo o apoio de formación e asesoramento necesario para conseguir o fomento da súa competitividade empresarial. “Estes programas formativos perseguen a innovación, fortalecemento e internacionalización das empresas e emprendedores” –explicou Asorey–.

O obxectivo deste acordo é establecer unha colaboración das partes asinantes para favorecer o mantemento de empresas e a mellora da xestión empresarial a través da formación e o asesoramento, desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas, e descubrir e fomentar iniciativas empresariais que permitan mellorar e completar o tecido empresarial máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.

As accións formativas que se desenvolverán están destinadas a promover a mellora das oportunidades de negocio para os propietarios e xerentes de micropemes de sectores tradicionais, con máis de cinco anos de antigüidade, con plantillas dun máximo de dez empregados que precisan apoio nas áreas de innovación e transferencia de tecnoloxía, finanzas, marketing comercial, xestión de procesos, internacionalización e comercio exterior.

Este protocolo, vixente ata finais de ano, garantirá o fomento e impulso da participación dos traballadores e desempregados en programas que contribúan a súa formación e desenvolvemento laboral a fin de adaptarse ás novas esixencias do mercado de traballo, configurándose como unha ferramenta clave e básica no proceso de harmonización social que permita alcanzar un desenvolvemento sostible.

A Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Incyde aportarán a metodoloxía, equipo técnico e materiais necesarios para desenvolver programas formativos enfocados ao autoemprego, a través do Programa Operativo de “Adaptabilidade e Emprego” (2007-2013) do Fondo Social Europeo. Ademais, os alumnos recibirán a prestación continua de servizos de valor engadido que lles permitirán alcanzar a súa futura expansión a través da pertenza á rede de servizos presenciais, acceso aos sistemas de seguimento e titorización de Incyde ou a asistencia a congresos organizados pola Fundación, coa finalidade de crear novas vías de negocio, aumentar a carteira de clientes e fortalecer as relación comerciais das pemes e emprendedores.