A Cámara de Comercio de Santiago facilitará ás empresas da súa demarcación os certificados dixitais obrigatorios da Seguridade Social

certificadoAs pemes recibirán axuda para adaptarse á e-Administración e mellorar a súa competitividade, eliminando a comunicación en papel para aforrar tempo e diñeiro

Esta normativa entrou en vigor o pasado 1 de abril

A Cámara de Comercio de Santiago ofrece ás empresas da súa demarcación cameral os certificados dixitais de Camerfirma para facer fronte á obrigatoriedade das notificacións electrónicas da Seguridade Social (NOTESS). A demarcación da Cámara de Comercio de Santiago abrangue a 32 concellos do sur da provincia da Coruña e rexistra actualmente 37.170 licenzas do Imposto sobre Actividades Económicas (I.A.E.).

A Cámara de Comercio informa ás pemes, asesorías, xestorías e grandes empresas de Santiago e comarca sobre a adaptación a este novo trámite obrigatorio para o que será preciso dispor dun certificado dixital, unha ferramenta imprescindible na actividade empresarial que ofrecen as Cámaras de Comercio. “Axudamos ás empresas a adaptarse á e-Administración de forma on-line, mellorando a súa competitividade, evitando desprazamentos e aforrando tempo e diñeiro” –explican desde a entidade cameral–. En 2012, a Cámara de Comercio de Santiago emitiu 28 certificados de Camerfirma.

A obriga da recepción das notificacións telemáticas da Seguridade Social entrou en vigor o pasado 1 de abril. Estas notificacións telemáticas serán a única canle de interrelación entre a Administración e as empresas, substituíndo ás comunicacións tradicionais mediante cartas ou comparecencias persoais.

O certificado dixital non serve só para que as empresas poidan identificarse ante as Administracións públicas e acceder as súas sedes electrónicas, tamén posibilita asinar dixitalmente con validez legal documentos (ofertas, facturas, informes ou acordos), asinar e protexer correos ou calquera outra información. Para máis información: http://www.camerfirma.com/certificados/empresas/notificaciones_obligatorias/