A Cámara de Comercio de Santiago propón á Deputación da Coruña colaborar en materia de emprendemento nos concellos cabeceira da súa demarcación cameral

calvoDiego Calvo visitou hoxe as instalacións do viveiro empresarial de Costa Vella, acompañado polos alcaldes de Santiago, Ribeira e Melide

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) recibiu hoxe a visita do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, que estivo acompañado polo presidente cameral, Jesús Asorey, o director da Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa), Javier Collado, e  o secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros. Ademais, na visita institucional participaron o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez.

Jesús Asorey explicou que a reunión centrouse no emprendemento e nas necesidades para a creación de empresas. “Barallamos as posibilidades de colaboración entre todas as institucións presentes –Deputación da Coruña, Concellos de Santiago, Ribeira e Melide, Cámara de Comercio e Incyde–. Estamos nunha época difícil onde o diñeiro escasea, polo que hai que optimizar os fondos dispoñibles para ofrecer o asesoramento máis axeitado aos emprendedores que precisan un empuxe para poñer en marcha os seus proxectos” –indicou–.

Para Diego Calvo, esta xornada de traballo focalizouse nas liñas de emprendemento da Cámara de Comercio de Santiago nos concellos da súa demarcación cameral. Ademais, o presidente da Deputación da Coruña apuntou que se analizarán distintos proxectos sobre emprendemento para “axudar a dinamizar a economía”.

Pola súa parte, o alcalde de Santiago salientou que as Administracións públicas teñen que colaborar en materia de emprendemento para fomentar a cultura empresarial española e elevala a niveis europeos. Tamén destacou que o traballo do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, que conta con fondos da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, é fundamental na actual situación económica.

Rede de viveiros, asesoramento emprendedor e formación

Durante o encontro, dunha hora e media de duración, Diego Calvo percorreu as instalacións da incubadora, coñeceu o seu funcionamento e os servizos de asesoramento e formación empresarial. Jesús Asorey informou ao presidente da Deputación da Coruña do labor en materia de emprendemento que realiza a Cámara de Comercio de Santiago por medio do viveiro de empresas desde diversos eixos de actuación: apoio á creación de infraestruturas a través da rede de viveiros camerais, desenvolvemento de xornadas de fomento do espírito emprendedor na escola, asesoramento a emprendedores en materia comercial e formación para emprendedores ou empresas en período de consolidación ou en situación de crise. O presidente da Cámara comentou a posibilidade de extrapolar estes servizos a concellos cabeceira de diversas zonas da súa demarcación cameral, cun compromiso de financiamento por parte da Cámara de Comercio e a corporación provincial.

O viveiro de Costa Vella alberga na actualidade a 12 empresas con ubicación física e 20 firmas que reciben servizos de maneira virtual. Desde a súa creación desta en 2006, pasaron pola incubadora empresarial un total de 105 empresas. O correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento maniféstase cunha taxa de supervivencia empresarial do 78%.