A Cámara de Comercio de Santiago ofrecerá servizos de información e asesoramento comercial aos establecementos de Santiago e a súa comarca

comercioEstas prestacións serán gratuítas para os comerciantes que se asocien á Cámara de Comercio

Así o establece o acordo de colaboración asinado hoxe cos centros comerciais As Cancelas, Área Central e Santiago Centro

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela asinou hoxe un convenio de colaboración cos centros comerciais As Cancelas, Área Central e a Fundación Santiago Centro. O acto de sinatura estivo encabezado polo presidente da entidade cameral, Jesús Asorey; o xerente de As Cancelas, Abraham Cano; o xerente de Área Central, Juan Carlos Losada; e o presidente da Fundación Santiago Centro Área Comercial, José María Fernández. Asistiron tamén o secretario da Fundación Santiago Centro, Delmiro Prieto, e o secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros.

Este acordo, dun ano de vixencia, pretende establecer colaboracións institucionais entre as partes asinantes a favor dos establecementos comerciais de Santiago de Compostela, poñendo a súa disposición os servizos de información e o asesoramento prestados pola Cámara de Comercio co obxectivo de favorecer a consolidación, modernización, aumento da competitividade e mellora da xestión comercial dos establecementos. Estes servizos terán carácter gratuíto para os comerciantes que manifesten a súa vontade de asociarse á Cámara de Comercio. En caso contrario, os establecementos deberán abonar o importe do servizo prestado. “Para beneficiarse dos servizos de información e asesoramento xurídico, fiscal e formativo en materia comercial da Cámara de Comercio, os comerciantes interesados deberán darse de alta na entidade cameral con cota cero”– indicou Jesús Asorey–.

Abraham Cano salientou que estes servizos servirán de guía para o día a día das empesas dos centros comerciais, mentres que José María Fernández destacou  o valor da unión empresarial en favor do benestar común. Pola súa parte, Juan Carlos Losada explicou que estes acordos garanten unha axuda ao pequeno comercio.

A Cámara de Comercio de Santiago indica que o sector comercial, unido ao turismo, conforman a estrutura vertebradora do tecido empresarial de Santiago e a súa área metropolitana, aportando emprego por conta propia e allea para máis de 180.000 persoas na comunidade autónoma. A contracción do consumo, provocado pola crise económica e financeira actual, ocasionou o peche de múltiples establecementos comerciais, polo que é preciso prestar máis atención e ofrecer máis axudas económicas ao sector comercial.

Os centros comerciais participantes terán que divulgar e informar aos comerciantes da posibilidade de acceder como beneficiarios aos servizos de información, divulgación e asesoramento en materia comercial que a Cámara de Comercio porá a súa disposición. Os tres centros comerciais promoverán entre os seus comerciantes xornadas divulgativas e informativas relacionadas con temas vinculados aos servizos que a entidade cameral poida ofrecer.

Pola súa parte, a Cámara de Comercio de Santiago facilitará aos comerciantes servizos de información e asesoramento puntuais en materia comercial, realizará xornadas informativas centradas nas novidades lexislativas do sector comercial e enviará periodicamente un boletín informativo.