A Cámara de Comercio e Banco Sabadell imparten un taller sobre o método para presentar un proxecto emprendedor a unha entidade financeira

optimistaCelebrarase o próximo xoves, 25 de abril, a partir das 9:30 horas no viveiro de empresas de Costa Vella

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Banco Sabadell organizan unhas xornadas técnicas sobre emprendemento e internacionalización destinadas a empresas, emprendedores e público en xeral interesado na materia, que se celebrarán nos meses abril, xuño, setembro e novembro.

A segunda sesión formativa celebrarase o vindeiro xoves, 25 de abril, baixo o título “Como presentar o meu proxecto ao banco?”. Estará impartida polo director da Oficina de Empresas de Banco Sabadell en Santiago, David Martís, en horario de 9:30 a 12:00 horas no viveiro de empresas de Costa Vella (Polígono Costa Vella. República Checa, 40, parcela nº 68).

Trátase dun taller baseado en casos prácticos, onde os alumnos traballarán en grupos para presentar un proxecto empresarial real e analizar as súas características e as claves para presentalo ante o banco.

No transcurso do programa, de dúas horas e media de duración, David Martís analizará a figura do emprendedor desde o punto de vista dunha entidade financeira, ademais de explicar que puntos valora o banco e como o emprendedor debe presentar o seu proxecto con plans de negocios e de financiamento elaborados. “A entidade financeira ten en conta a iniciativa e a capacidade do proxecto para xerar recursos e facer fronte ao pago do financiamento. Debe ser un proxecto viable” –apunta Martís–.