A Cámara de Comercio de Santiago e a Escuela de Negocios Novacaixagalicia asinaron hoxe un convenio de colaboración sobre accións formativas

escuelanegociosOs alumnos asociados á entidade cameral terán descontos nestes programas de formación de primeiro nivel

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e a Escuela de Negocios Novacaixagalicia asinaron hoxe na entidade cameral un acordo para establecer a regulación de futuras colaboracións en materia de formación. A rúbrica do acordo foi realizada polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director da Escuela de Negocios Novacaixagalicia, Eduardo García Erquiaga. Ademais, ao acto asistiu o secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros.

Jesús Asorey calificou de moi positivo este acordo para a demarcación cameral de Santiago no ámbito da formación das empresas e os proxectos emprendedores, “tan importante acualmente”. O presidente da Cámara destacou as vantaxes económicas das que se poderán beneficiar os alumnos asociados á entidade.

Pola súa parte, Eduardo García Erquiaga considera o convenio como un paso máis na colaboración entre a Escuela de Negocios e as institucións e as Cámaras de Comercio  galegas cunha histórica traxectoria en materia de formación. “O acordo permitirá achegar unha formación de primeiro nivel e de máxima calidade a profesionais e directivos das empresas galegas” –salientou García Erquiaga–. Ademais, o director da Escuela de Negocios apuntou que esta colaboración coa Cámara compostelá é o primeiro paso dun camiño conxunto con actividades formativas de ciclo curto, baseadas en produtos confeccionados para a reciclaxe de coñecementos a custos moi axustados segundo a situación actual de crise económica. A Escuela de Negocios de Novacaixagalicia formou nos últimos tempos a 40.000 profesionais que supoñen máis da metade dos directivos de Galicia.

O obxecto deste acordo é elaborar un plan de traballo para as colaboracións en materias formativas entre a Cámara de Comercio e a Escuela de Negocios co fin de realizar conxuntamente unha serie de actividades que potencien a formación dos directivos e persoal das empresas membros da entidade cameral.

Este convenio, dunha ano completo de vixencia, articula a colaboración para a difusión dos programas máster da Escuela de Negocios: MBA part time, Executive MBA, Master SAP, Master en Dirección Económico- Financeira, Master en Dirección de Marketing e Comunicación, Master en Dirección e Xestión de Persoas e o Master in International Business.

Para os asistentes que acrediten a súa pertenza á Cámara de Comercio de Santiago, a Escuela de Negocios ofrecerá un desconto do 10 por cento sobre o prezo fixado. Para realizar un seguimento do funcionamento do convenio, crearase unha comisión formada por representantes de ambas entidades que a finais de ano  emitirá un informe de valoración dos resultados do acordo.