Os empresarios do Barbanza amosan un “optimismo moderado” para os próximos meses

arquivoO Indicador de Confianza, que elabora a Cámara de Comercio de Santiago, revela unha confianza empresarial negativa con –9,21 puntos para os sectores da construción, industria, comercio, hostalería e servizos

Jesús Asorey, presidente cameral:

“A confianza empresarial por sectores continúa en cifras negativas, deducíndose un ICE sectorial sempre por debaixo da liña de cero cun valor máis acusado na construción e na industria”

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela elaborou o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza correspondente ao primeiro trimestre de 2013. O ICE-Barbanza é un informe que reflicte a situación do trimestre actual e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e sector servizos.

Esta nova publicación continúa en valores negativos, situando a confianza do empresariado da comarca en –9,21 puntos, un dato que marca unha lixeira recuperación respecto ao trimestre anterior aínda que movéndose en cifras que denotan unha clara falta de confianza do sector empresarial do Barbanza.  (ICE Barbanza do 4º trimestre 2012: –15,58).

O índice de situación segue un trimestre máis en valores negativos, con –18,6 puntos, confirmando as expectativas que se manifestaban no trimestre pasado de cara a este novo período. Pola contra, as expectativas do empresario para o segundo trimestre (os meses de abril, maio e xuño) mostran unha lixeira tendencia marcada polo positivismo, aínda que de forma moi moderada con perspectivas valoradas en 0,1 puntos.

A continuación exponse un desglose por situación e expectativas:

- ICE: –9,21 (–15,58 no período anterior)

- Índice de Situación:  –18,6 (–17,1 no período anterior)

- Índice de Expectativas: 0,1 (–14,1 no período anterior)

Segundo este informe, o factor que máis limita a actividade empresarial na comarca é a debilidade da demanda, rozando a opinión do 100 por cento das empresas participantes na enquisa, aínda que algunhas empresas apuntan a outros factores como a escasez da demanda como causante da limitación da marcha dos seus negocios. Os trámites administrativos e burocráticos aos que se ve sometida unha  empresa son sinalados como factor limitativo por un 50,5% dos participantes, acompañados polo aumento da  competencia, factor destacado para un 45,7% das empresas. “Continúa a tendencia marcada polo empresariado en 2012 en canto aos factores que limitan o nivel de actividade das empresas barbanzás” –indicou o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey–.

Todos os sectores obxecto de estudo coincidiron en valores negativos no indicador de situación, onde a cifra máis negativa corresponde novamente ao sector da construción. En contraposición con trimestres anteriores, nesta ocasión as expectativas sinaladas son positivamente comedidas en sectores como a industria e o comercio. Estas expectativas positivas transfórmanse en cifras máis significativas no sector da hostalería e o turismo, que alcanzan un valor de 11,4 puntos. Só a construción, cun marcado carácter negativo nas súas expectativas de –17,5 puntos, e outros servizos con –1,7 puntos, ofrcen unha tendencia inversa. “A confianza empresarial por sectores continúa en cifras negativas, deducíndose un ICE sectorial sempre por debaixo da liña de cero cun valor máis acusado na construción e na industria” –explicou Asorey–.

O ICE, que é froito do traballo dos técnicos do Observatorio Económico da Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago, elabórase sobre enquisas que se fan a 1.147 empresas dos concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son. Analiza trimestralmente as perspectivas das sociedades a partir da cifra de negocio, emprego, prezos, investimento e exportacións. Úsanse dous baremos: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Os dous oscilan entre –100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade.

O programa Antenas está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Boiro.