O viveiro da Cámara de Comercio celebrou unha intensa xornada marcada polas actividades emprendedoras dun programa de creación de empresas

martiaOdilo Martiñá, director xeral de Traballo:

Os alumnos traballan directamente sobre o seu proxecto para saír cunha idea de empresa nas súas mans

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez visitou a incubadora de Costa Vella para coñecer o seu funcionamento

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) foi escenario hoxe dunha xornada de actividades de fomento da cultura emprendedora. Presentouse o Programa de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego. Esta acción formativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Ao acto de inauguración asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, o  director xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá, e o director da Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa), Javier Collado.

O curso, que conta con vintecinco alumnos, está dirixido fundamentalmente a aquelas persoas con iniciativas emprendedoras que necesiten coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran rendabilizar a súa empresa. Impartirase ata o 7 de xuño.

Este programa nace coa finalidade de mellorar, mediante a formación e o asesoramento, a xestión empresarial da pequena e mediana empresa (peme), desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas, así como a adaptación das pemes aos novos mercados. Así, o obxectivo final será a obtención dun plan de empresa baseado nunha idea empresarial, ou para conseguir a mellora da competitividade do negocio xa existente.

O curso aportará valor e consolidación ás empresas, axilizando a súa rendabilidade e incrementando as súas alternativas de expansión, ademais de mellorar a viabilidade dun proxecto de negocio para a súa posta en marcha. “Para crear unha empresa precísanse, ademais de determinadas capacidades, moitas horas de traballo e formación no terreo empresarial, unha forte motivación, e unha actitude emprendedora e activa” –apuntou Asorey–.

Pola súa parte, Odilo Martiñá destacou a aposta da Xunta de Galicia por unha norma única, a Lei de Emprendemento, que está en fase de alegacións públicas e que este mesmo ano iniciará a súa tramitación parlamentaria, regulando o emprendemento con “axudas públicas, financiamento e incentivos para novos proxectos empresariais”. Para Odilo Martiñá, a Cámara de Comercio de Santiago está a facer un gran esforzo na promoción e mantemento dos emprendedores. “Este curso que inauguramos hoxe é algo máis que formación, porque os alumnos traballan directamente sobre o seu proxecto de emprendemento co obxectivo de saír cunha idea de empresa nas súas mans” –salientou–.

A elaboración dun proxecto de empresa completo servirá de guía para o arranque do negocio e tamén como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras. Ademais, os emprendedores que asisten a este programa poderanse acoller á Redempresa, unha rede creada para fomentar contactos entre empresas de sectores comúns ou complementarios, que poidan compartir problemas e solucións similares, intentando facilitar o intercambio de coñecementos do sector.

A Cámara presta servizos de formación e asesoramento ás empresas comerciais para combater a taxa de mortalidade

Por outra parte, a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez, visitou hoxe o viveiro de Costa Vella, acompañada por Jesús Asorey, o secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros, e a responsable da incubadora empresarial, Rosa Cardeso. Durante o encontro, dunha hora e media de duración, a directora xeral percorreu as instalacións da incubadora, coñeceu o seu funcionamento e os servizos de asesoramento empresarial, ademais de analizar a formación comercial da que poden beneficiarse os emprendedores.

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago facilita un servizo de información e asesoramento ao sector comercial pola grave situación económica que atravesa co peche de múltiples establecementos comerciais, a contracción do consumo, a baixa facturación, a morosidade nos pagos, que sumado á falta de financiamento externo provocan que o sector comercial desemboque nunha destrución masiva de empregos. “A falta de formación e especialización do noso tecido comercial e o descoñecemento da lexislación vixente fan preciso que os comerciantes reciban apoio e asesoramento de proximidade para solventar as súas dúbidas” –explicou Jesús Asorey–. Conscientes desta necesidade, a Cámara de Comercio de Santiago presta servizos de información, formación, asesoramento e titorización de proxectos comerciais a través dun equipo técnico multidisciplinar nas distintas áreas funcionais da empresa.

Sol Vázquez mostrou interese polo Plan de Continuidade Empresarial (PCE) das Cámaras de Comercio que garante o relevo xeracional de empresas abocadas a desaparecer. O plan está dirixido a pequenos e medianos empresarios que desexen transmitir o seu negocio a emprendedores interesados en iniciar unha actividade económica no mundo empresarial a través dunha empresa xa consolidada.